Galicia non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe.
Por iso, a nosa comunidade pode presumir de contar con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Son experiencias de calidade ás que hai que engadirlle tamén outras producións de excelencia, como son as derivadas das razas autóctonas de Galicia, o selo Galega 100%, que ampara o leite galego de calidade certificada e o selo pescadeRías, que ampara os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal na nosa comunidade autónoma.
A dinamización dos coñecidos como produtos de calidade fixo que nos últimos anos as producións do mar e do campo galego se virán potenciadas de forma cualitativa e cuantitativa. Recursos alimentarios, en definitiva, que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, incluso, reinventarse.
A través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I.X.P.), os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización.
I Mostra de Calidade Alimentaria
Co fin de impulsar toda esta riqueza, a Xunta vén de celebrar, no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a I Mostra de Calidade Alimentaria. Neste contexto avanzouse que o selo Galicia Calidade terá unha sección específica sobre produtos alimentarios que se denominará Galicia Calidade Alimentaria e que englobará produtos con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción.
Anunciouse a creación deste selo na presentación da nova campaña institucional da Xunta Galicia Etiqueta Calidade, na que o ente autonómico investirá 700.000 euros para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro. Trátase dunha iniciativa que amosa nestas datas de Nadal que Galicia é unha potencia alimentaria. Unha contribución pública para o sector, en apoio e agradecemento polo seu labor encomiable, ao ser quen de facer que non faltase produto alimentario galego de calidade durante a emerxencia sanitaria.
Esta campaña destaca a importancia do etiquetado nos produtos de calidade. Tamén salienta que estas producións son a “Excelencia de Galicia” e que son garantía, autenticidade e singularidade. Ao tempo, tamén transmite a decidida aposta polo produto local e de proximidade e, en definitiva, traslada que os produtos de calidade de Galicia son os mellores.
No marco desta Mostra tamén se deu a coñecer o mercado dixital oficial no que produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Trátase, así, dun verdadeiro mercado online, no que se poderán comercializar os produtos de excelencia de Galicia cun só clic.
Premios Exceleite
Na entrega dos premios Exceleite púxose en valor a futura Lei da calidade alimentaria, que apostará pola produción excelente de proximidade, san e sustentable que sempre distinguiu a Galicia. Ademais, a Xunta actúa como o acelerador do motor que representa o lácteo para a nosa comunidade mediante o impulso de medidas como a Estratexia sectorial e, dentro dela, a aplicación informática Conta Láctea ou a formación empresarial para os gandeiros.
Experiencias de calidade
Viños e augardentes. Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cabe tamén destacar os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), dos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo. As indicacións xeográficas das augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto a augardente de herbas, como o licor de herbas e o licor café, bebidas todas elas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.
En canto ás carnes de Galicia, sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. Ternera Gallega é o selo de calidade máis importante no sector cárnico español. A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca gallega e Buey gallego. No ámbito avícola, cóntase cos selos de calidade do Capón de Vilalba; en vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa); en ovino (Ovella Galega); en cabrún (Cabra Galega); en aviar (Galiña de Mos); en equino (Cabalo de Pura Raza Galega); e en porcino (Porco Celta).
Lácteos. O leite galego de calidade conta co certificado “Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do produto. Cabe destacar a calidade dos queixos, con catro diferentes denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa).
Horta. Cinco tipos diferentes de pementos de gran calidade ofrece a horta galega (os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán), que están amparados baixo un selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nos restantes.
As castañas, as patacas ou o mel producidas en Galicia tamén contan cun recoñecemento especial pola súa calidade. A apicultura constitúe un elemento importante da etnografía en Galicia, onde perviven construcións tradicionais vinculadas a esta produción artesanal.
Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un importante número de consumidores potenciais, tanto dentro como fóra da comunidade.
As subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense) acollen a produción da Indicación Xeográfica Protexida IXP da Pataca de Galicia.
O cultivo da Faba de Lourenzá abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo e con este distintivo déuselle nome propio a esta variedade. Ademais, o Pan Galego, o Pan de Cea, xunto coa Tarta de Santiago, son os tres produtos galegos do sector de panadería e pastelería que contan con distintivo de calidade.
A Agricultura Ecolóxica –unha denominación que, a diferencia das demais, non ten carácter xeográfico– é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do solo.
Produtos do mar
No tocante ao mar, Mexillón de Galicia certifica o mexillón producido, transformado e elaborado en Galicia, o auténtico mexillón das Rías Galegas. Pola súa banda, a marca pescadeRías ¿de onde se non? é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal, cunha fama de variedade e calidade que traspasa as nosas fronteiras.
Artesanía Alimentaria
Por outra banda, a Xunta puxo en marcha a marca Artesanía Alimentaria, para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional, así como para protexer aos seus produtores. Trátase dunha novidosa regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de forma inadecuada este termo ou outros similares como “caseiro” ou “feito en casa”.
SOURCE: Produto Galego