O tempo pasa lixeiro, tanto que parecen estar vivas as muxicas que liscaron ceibes das fogatas liberadoras que hai xa dous anos prendemos na honra do San Antón.
Voltaremos a coller o carreiro que nos leve ata o pé da capela, no cumio do monte en Ábedes. O santiño agarda para formar parte da catarse colectiva dun pobo que non esquece, e que xamais deixará morrer unha tradición de séculos.
Os mais madrugadores ollarán os primeiros raios do sol ao carón do lume purificador, feito nun territorio ancestral, marcado co fume das xestas verdes, para que cando a vila esperte, teña o sinal do comezo da troula, e así poder berrar os catro ventos, alí están! os de sempre, os valentes, os que manteñen vivo o enxebre, os que esperan sempre con ledicia, os que comparten, os que dan apertas cálidas, os que cantan sen parar e tamén choran.
A xente de aquí é sublime cando toca coidar a tradición, esquecendo os derrotistas, os que non senten, os baleiros de emocións e sentimentos, os que se avergoñan da defensa do que é noso e teñen medo a gozar.
Verín, que é vila fermosa e coqueta. Axiña atenderá aos dous galáns que a cortexan, o San Antón e mailo entroido, que por xaneiro convértense en amantes desafiantes que por unha dama pelexan.
Ninguén se percatou que estas puxas son de amores, e a vila atrevida, baila cos dous. O 17 de xaneiro San Antón verdadeiro, familia e amizade ao carón do lume. Festa da igualdade, onde non hai barreiras que separen. Os chourizos frescos, asados nas brasas ao xeito dos antergos.
O viño novo rulará polas gorxas cantoras. A vila esperta cedo e desexa Romaría. O castelo de Monterre inmutábel ollará de novo a loita mais fermosa. O entroido está celoso e o seu áurea pulula polos recunchos esquivando as sombras que o lume levanta no solpor.
O día vai marchando paseniño, e cando o sol agocha tras os montes, comeza a disputa dos namorados. Cunha mestura de simbiose ancestral, arremete o entroido, e outra vez xurde o milagre. O calofrío percorre as entrañas cando ao lonxe escoitamos os sons afinados dos chocos. Os intrépidos cigarróns aparecen no cumio. O entroido entra en xogo arrebatándolle o santiño á namorada que estivo aos seus pés.
Verín presumida, arrogante e descarada, a pouquiño deixase levar polo embruxo entroideiro, que aínda sen disfrazar, seduce con forza a vila, que xa entregada, so a soltará na derradeira danza de piñata, cando o meigallo escache.
O San Antón vai desaparecendo como as fogatas na noite. O entroido, pletórico e confiado estreará un idilio sen descanso. Pero a vila, que é sabia e romana, ten estirpe de doncela bragada en mil batallas, e coa alma limpa, non fará distinción, e gozará unha vez mais dun amor compartido como sempre fixo ao longo dos séculos, obtendo sen dúbida o cómplice beneplácito da providencia.
Miguel A. Prieto “Chitín”