Celebra o Campionato de España indoor do 25 ao 27 de febreiro.

Expourense volve ser epicentro do atletismo nacional

Unha vez máis a pista de atletismo de Expourense volverá ser o epicentro do atletismo nacional ao albergar -do 25 ao 27 de febreiro- o 58º Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta. Regresa, deste xeito, a Ourense unha cita que xa tivera lugar en 2020.
Con este evento, a pista de Expourense acolle os quintos campionatos nacionais desde a súa posta en escena (celebráronse anteriormente o sub20 de 2018; o máster de 2019, o absoluto de 2020 e o máster de 2022).
Na presentación do evento estiveron, entre outras autoridades, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e o presidente da Real Federación Española de Atletismo, Raúl Chapado.
É tal a expectación deste evento, que en cinco minutos se venderon o 50% das entradas á venda, e 10 días antes do inicio da competición xa estaban esgotadas. “Vénderonse 1.200 abonos, é dicir, entradas para todas as xornadas do campionato, cumprindo co aforo máximo permitido, e o 50% delas nos primeiros cinco minutos”, sinalou Chapado, presidente da RFEA.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da cooperación institucional como factor clave para atraer “ao noso territorio probas deportivas de primeiro nivel, como a que hoxe presentamos, que converterá durante eses días a nosa provincia na capital do atletismo, acollendo este Campionato que se celebrará nunha das mellores pistas cubertas de toda Europa”. Ao fío disto, Rosendo Fernández lembrou que a pista cuberta de Expourense acolleu, desde finais do 2017 un cento de probas oficiais, co correspondente retorno económico que isto supón.
Neste mesmo sentido, o presidente da Real Federación Española de Atletismo, Raúl Chapado, destacou o impacto visual que terá Ourense ao acoller este evento, así como o retorno económico que suporá para a provincia, salientando a gran expectación que xera esta proba deportiva. “Vénderonse 1.200 abonos, é dicir, entradas para todas as xornadas do campionato, cumprindo co aforo máximo permitido, e o 50% delas nos primeiros cinco minutos”, sinalou Raúl Chapado.

O alcalde, Pérez Jácome, resaltou que este é o primeiro grande evento que se desenvolve na cidade de Ourense dispoñendo xa de tren de alta velocidade, que ademais coincidirá coa gran cita festiva que é o Entroido da cidade, polo que está convencido de que prazas hotaleiras cubriranse na súa totalidade nos próximos días.
Pérez Jácome reivindicou o atletismo como deporte rei, e base doutros moitos deportes ou actividades deportivas. Puxo en valor a importancia da pista cuberta de atletismo de Expourense como unha instalación que pon á cidade no mapa do deporte nacional.

Atractivo
Milleiros de persoas, entre deportistas, xuíces, adestradores, medios de comunicación e público en xeral estarán presentes nunha cita que se presenta con moitos atractivos. O primeiro deles, é a participación dos atletas galegos como Adrián Ben (800m), Belén Toimil (peso), Ana Peleteiro (tripla) ou mesmo Leticia Gil (lonxitude), que chegan con gañas de coroarse como campións de España.
Pero non quedan aí os atractivos deste Campionato. Agardan, durante os tres días do nacional momentos espectaculares. Entre eles, poderemos ver un 400 que se presume interesante logo de que Bernat Erta e Bruno Hortelano acadaran mínima para o mundial de Belgrado (Serbia), que se celebra do 18 ao 20 de marzo, pero que aínda non dixeron a última palabra os Óscar Husillos, Lucas Búa, Samu García, e compañía, que buscarán un oco para esa cita internacional na que so poderán acudir dous deles.
Tampouco se pode un perder os 60 metros valados con Asier Martínez e un recuperado Orlando Ortega; e nos 60 m. femininos os focos estarán en Maribel Pérez, quen vén de batir o récord de España da distancia despois de máis de 30 anos.
Nos 1.500 metros femininos, Esther Guerrero (vencedora do meeting de Nueva York) e Marta Pérez prometen unha carreira vibrante.
E onde non se poderá pestañear será nos 3.000 metros. Mo Katir e Adel Mechaal poden facer historia nuns campionatos que chegan nun momento espectacular das súas carreiras. Katir batiu, a tempada pasada, os récords nacionais de 1.500, 3.000 e 5.000 metros, mentres que Mechaal acada de lograr o récord de Europa dos 3.000 metros en pista cuberta. Sen dúbida, será un dos duelos máis espectaculares que terá lugar o sábado, 26 de febreiro, ás 21.05 horas.

Programa
O Campionato celébrase en tres días -catro xornadas- e dará comezo o venres 25, con algunha rolda e as probas de heptalón e pentatlón, nas que Ureña e Vicente, respectivamente son os favoritos.
O sábado 26 haberá as finais de salto de altura -mulleres-, e lonxitude -homes e mulleres- na xornada matutina; e na xornada vespertina as finais que chegan son as de tripla salto -homes-, pértega -mulleres-, altura -homes-, peso -mulleres- e as finais, tanto de homes como de mulleres de 3.000 metros e 60 metros.
Para o domingo 27 quedan o resto de finais: pértega -homes-, peso -mulleres-, tripla -mulleres-, e as finais de ambos sexos de 200, 1.500, 400, 800 metros, e 60 valados.

SOURCE: