O Concello de Allariz presentou a programación das décimo oitavas Xornadas para Convivencia, miradas de memorias e presentes, que terán lugar durante o mes de marzo en Allariz. Unha ducia de actividades repartidas por varios espazos conforman o programa que nos presentaron Bernardo Varela,Tenente de Alcaldía, e a técnica de igualdade Beatriz Pérez Fernández.
As Xornadas para a Convivencia arrancan o martes 8 de marzo coa colocación da pancarta na Casa do Concello e a lectura do manifesto. Neste acto colaboran a Asociación Silvardeiras e o IES de Allariz. Así mesmo haberá obradoiros, faladoiros, actividades para o alumnado tanto do CEIP Padre Feijóo como do IES de Allariz. Tamén nesta programación teñen cabida as exposicións así como a música e un roteiro en distintos días repartidos ata o 31 de marzo.
Segundo nos contou a técnica de igualdade, Beatriz Pérez, “este ano pensamos na importancia de rescatar a memoria, aprender do pasado para construír presentes amables e unha mellor convivencia entre todo o mundo. Unha oportunidade máis para ir facéndonos conscientes da diversidade presente en todas nós e ver de que xeito as diferentes ideas, corpos, vivencias, sentires… enriquecen as nosas vidas e os nosos vínculos”.
Así mesmo Bernardo Varela, resaltaba o compromiso que o Concello de Allariz ten dende fai anos coa igualdade de xénero. O Tenente de Alcaldía, incidía na importancia de traballar durante todo o ano en temas de convivencia e igualdade de xénero, traballo que a área de Benestar Social se realiza día a día e ten como reforzo estas xornadas.
O edil convidaba a toda a cidadanía a que se achegue a participar, tanto homes coma mulleres, tanto xente nova coma xente maior, xa que a convivencia e cousa de todos e todas. O Concello de Allariz seguirá traballando dende esa óptica xa que é o xusto e o lóxico apostar por este tipo de actividades, “Miradas de memorias e presentes” é unha aposta de presente pero tamén unha aposta de futuro”, resaltaba o edil. Tamén agradecía a colaboración dos centros educativos de Allariz e da Asociación Silvardeiras a estás xornadas e nas actividades que se programan.
Para reservar entradas ou inscribirse nos obradoiros pódese enviar un correo a fogardosmaiores@allariz.gal ou chamar ou 988 554 059 ou nas instalacións do Fogar dos Maiores de Allariz.
SOURCE: Xornadas convivencia Allariz