Visitou un dos establecementos da provincia adheridos ao bono #QuedamosenGalicia22.

Gabriel Alén destaca o impacto económico do bono turístico nas empresas do sector

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o Hotel Pazo da Almuzara, onde anunciou que a partir das 0,00 horas do vindeiro luns, 21 de marzo, poderanse presentar as solicitudes á nova edición do bono turístico.

O delegado territorial explicou que a Xunta pretende continuar a reactivar a actividade do sector turístico a través do fomento do turismo interno. O bono #QuedamosenGalicia22 estará dispoñible un ano máis para todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego con preferencia aos que non foran beneficiados na convocatoria de 2021. Nesta ocasión, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60%.

Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos particulares-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

Gabriel Alén sinalou que a data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2022, se ben durante os meses de verán –entre o 1 de xullo e o 15 de setembro- as tarxetas permanecerán inhabilitadas debido a que esta nova convocatoria vai enfocada a desestacionalizar a oferta e a manter a ocupación e a liquidez no sector na tempada de menor actividade e demanda.

Nesta liña, lembrou a boa acollida que o ano pasado tivo a anterior edición do bono converténdose nunha medida pioneira e nunha historia de éxito de principio a fin esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles e con case 1.200 establecementos turísticos adheridos.

Este programa de actuación permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector e supuxo un balón de osíxeno. Ademais, concentrou o consumo no último trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.

O delegado territorial significou que o impacto económico desta iniciativa repercutiu en Ourense en 921.913,68 euros no gasto realizado polos aboados nas empresas adheridas en 2021, sendo por sectores os hoteis os máis beneficiados cun 66%, seguidos das axencias de viaxe (14%), os aloxamentos de turismo rural (7%) e os apartamentos (6%).

A día de hoxe son 48 os establecementos da provincia que participan nesta convocatoria respondendo ás tipoloxías de turismo rural, hoteis, pensións, axencias de viaxes, albergues e apartamentos.

Polo que respecta aos aloxamentos e axencias de viaxe, dende o 9 de marzo as empresas turísticas poderán formalizar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal como fixeron na convocatoria do ano pasado case 1.200 entidades. Os aloxamentos e axencias de viaxe que xa participaron no programa o ano pasado terán que volver inscribirse coas condicións requiridas.

Entre os requisitos esixidos, todas as empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) e tamén na plataforma Turespazo (https://turespazo.turismo.gal ), onde ademais os aloxamentos deberán rexistrar as súas ofertas e as axencias de viaxe os seus paquetes turísticos e, en ambos casos, os códigos que identifican as TPVs que pon a disposición dos beneficiarios do Bono Turístico para efectuar os pagos coas tarxetas prepago.

As ofertas específicas das empresas adheridas poderán presentarse na plataforma Turespazo e estarán tamén dispoñibles na páxina web de Turismo de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de adxudicar á entidade financeira Abanca a xestión das tarxetas da nova edición do bono turístico #QuedamosenGalicia22, que os usuarios poderán reservar a partir do 21 de marzo.

SOURCE: Bono Turístico