Ourense acolle este sábado os XXII Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics. O evento deportivo foi presentado hoxe no Consello Municipal de Deportes, desenvolverase este sábado día 19 na pista cuberta de atletismo de Expourense. A inauguración está prevista ás 10:45h e a clausura ás 18h.
Na pista cuberta de atletismo de Expourense, nun formato olímpico, celebrarase competición en salto de lonxitude, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida, marcha asistida verbalmente pola persoa monitora, marcha en cadeira de rodas, salto de lonxitude sen carreira e lanzamento de pelota (softball).
O concelleiro de Deportes, Mario Guede, recalcou que “recuperar un evento deportivo tan emocionante como son os 22 Xogos Autonómicos de Atletismo Special Oympics significa que avanzamos con paso firme cara á ansiada normalidade que se truncou hai dous anos. Por iso, recuperar este evento, coa participación de 131 persoas (atletas con discapacidade intelectual de 9 asociacións de toda Galicia, adestradores, voluntarios e organización) énchenos de ilusión e de orgullo”.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, recalcou que “O lema deste ano de Special Olympics é moi claro: “Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”. O meu parabén pola elección desta mensaxe, tan importante e á vez tan necesario. E o meu agradecemento por darnos a todos esa lección de valentía, de superación, de esforzo e de traballo, que ao final son piares do Deporte e da vida mesma”.
Tanto Guede como Díaz Abella amosaron o seu agradecemento a FADEMGA Plena Inclusión Galicia e á asociación As Burgas pola súa activa cooperación co evento, así como ás 9 asociacións galegas que traen aos seus atletas, aos adestradores e voluntarios que fan sempre de Special Olympics “un evento do que todos estamos moi orgullosos”.
SOURCE: Special Olympics Atletismo