«O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021» é o título da exposición que se inaugurará o vindeiro mércores na cidade de Ourense para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
A mostra, que xa permaneceu aberta ao público na sede da Cámara galega entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
Entre outros, na exposición é posible ver a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses. En Ourense estará aberta ao público ata o 24 de abril na sala de Exposicións de Afundación.
SOURCE: Exposición Parlamento de Galicia