O escritor ourensán, Jorge E. Bóveda, preséntanos a súa última novela (Anoitece en Vulgaria), na que un dos personaxes doutras novelas súas, Alexandre Ossorio, é o protagonista.
Que ocorre cando “Anoitece en Vulgaria”?
Jorge E. Bóveda: «Como en calquera anoitecer. As luces apáganse e a humanidade descansa exhausta sen ser consciente de que quizais non saia o sol nunca máis. Se hai a sorte de que despois da noite comece un novo día, probablemente nada cambiará. No libro ese anoitecer ten outro significado bastante potente que preferiría que o lector descubrise pola súa conta».
A sinopse fala dun futuro próximo; ese futuro é hoxe?
J.E.B.: «Inda non, pero case. É un futuro que está a chegar; está petando na porta. Un futuro onde as humanidades están mortas pero non por imposición ou intervención directa, senón porque se permitiu que morreran de fame e de sede. Fíxoselle o baleiro ata que desapareceron elas por si soas. É a consecuencia lóxica ao aplicar aquel refrán de non hai maior desprezo que non facer aprecio”.
Parece unha crítica á era que estamos a vivir do “inmediato”.
J.E.B.: «Non vai moito por aí a cousa, inda que o “inmediato” si sexa un tema de algún dos meus libros. Este é o libro da resignación e do cansazo, pero ollo que tamén é un libro de xogo literario humorístico e retranqueiro divertido de ler. Non pensemos que estamos ante unha sañuda novela das novelas. É un libro para os lectores que convida a reflexionar pero non obriga a facelo. Como case todos dos meus libros, ofrece moito para que cada lector colla del o que queira. Ten varios niveis de lectura segundo o tipo de lectorado que se achegue a el».
A arte, a cultura, filosofar, están en perigo de extinción? Hai esperanza?
J.E.B.: «Claro que hai esperanza, pero haina para a cultura entendida como “artes e festexos” e tamén hai esperanza para a cultura do audiovisual. As persoas cada vez teñen menos tempo e paciencia para deterse a desentrañar os códigos das obras literarias con moitas páxinas e poucos debuxos. Agora é preferible esquecerse dos problemas da vida diaria engulindo series ou enchendo o disco duro de películas das plataformas dixitais que, unha vez vistas, serán borradas, se é que son vistas. No século XIX un libro entretiña a unha familia enteira que sentaba a escoitar a unha persoa que o lía en voz alta. Hoxe hai tanto de todo e por tantos medios que hai unha auténtica saturación, quedando o libro (literario) relegado a unhas poucas persoas. En Galicia aínda é moito máis abafante porque é un sistema literario moi pequeno.
Posibles solucións? Pois escribir sempre o mesmo libro de trama trepidante que entreteña moito, escrito por unha persoa con coñecementos en guión cinematográfico como eses guionistas que gañaron o Premio Planeta co pseudónimo Carmen Mola, ou ser un escritor moi orixinal, creativo, traballador e con moito talento, como por exemplo Juan Tallón e algúns outros desta provincia».
Porén sempre hai un grupo de irredutibles que tentarán manter viva a chama da cultura.
J.E.B.: «Pero igual tampouco se trata da “chama da cultura”. Cada grupo defende á súa maneira o que os seus membros consideran “cultura”. Non hai por que coincidir. Igual idealizamos demasiado a palabra “cultura” e non temos moi claro do que é realmente (eu inclúome nesa ignorancia). Para algúns cultura so é mencionar os títulos dos libros, para outros cultura ten que ver coa política, para outrs son xuntanzas arredor da figura dun escritor morto, para outrs é so a etnografía, para outrs a historia, a música, para outros a cultura é todo o que NON teña que ver con escritores que estean vivos ou para outros é pecharse nun cuarto e ler todos os libros que sexa posible no tempo de vida… O máis difícil de todo isto é que estas persoas, coas súas ideas sobre a cultura tan dispares, se poñan de acordo nun proxecto común e total que defenda as artes. Non ten moi boa solución e quizais nos lugares pequenos, menos.
Outra cousa é que se lle dean as costas completamente a calquera manifestación artística. Ese é outro cantar e é horroroso e desafinado porque trae á mente recordos da historia indesexables».
Illa Galana cada vez é máis real?
J.E.B.: «Todo o contrario. Prefiro que o lector descubra por que digo que é contrario ao real. Aínda que si podo afirmar que illa Galana pode ser un transunto da nosa sociedade en algún aspecto. Por certo, o nome illa Galana é unha homenaxe ás irmás Galanas do meu libro do 2017 O monstro de Ille».
O Bóveda escritor síntese cada vez máis preto de Illa Galana?
J.E.B.: «Non oh!, síntome, precisamente, cada vez máis lonxe. Cada vez máis solitario pero á vez rodeado de libros e dos meus seres queridos máis próximos. Eu so quero estar tranquilo e tentar facer literatura cando non estou traballando no meu emprego».
Esta creo que é a túa novela número trece, alguna diferenza e/ou semellanza coas outras?
J.E.B.: «Todas as semellanzas posibles. Todas teñen nexos comúns e incluso comparten personaxes. O personaxe principal de Anoitece en Vulgaria, Alexandre Ossorio, tamén sae nalgúns outros libros e está unido con algúns outros de outras publicacións. Un día decateime de que levaba anos creando un mundo persoal de camiños entrecruzados, non sei se debería pescudar se é para ben ou para mal, inda que tampouco me tira o sono buscarlle unha utilidade a todo canto escribo. Dáme un pouco igual. Xosé Carlos Caneiro chamoume nunha ocasión letraferido, pero igual non son iso. Simplemente escribo porque necesito escribir inda que, como dixo Ramón Caride noutra ocasión, se se descubrira que a escritura provocara cancro, deixaríao de facelo inmediatamente. Eu tamén».
Xa pensando na seguinte novela? Sobre que trataría?
J.E.B.: «Como lle dixen a Xerardo Méndez nunha conversa para a revista INviable, se escribes unha páxina diaria durante un ano, ao cabo do ano tes 365 páxinas. Eu non son tan maniático como Gustave Flauvert que botaba meses para escribir unha páxina inda que si que coido o que escribo e en cada novo libro coido a páxina máis e máis. Teño varias novelas rematadas e reescribo as súas páxinas día a día como terapia vital».
“Anoitece en Vulgaria” onde se pode mercar?
J.E.B.: «Coma todas as anteriores, en todas as librarías de Galicia. Está distribuída polo Consorcio Editorial Galego. Tamén abunda polas redes».