A Xunta porá a disposición dos concellos un sistema voluntario que garanta un servizo de calidade.

Un proxecto de Lei mellorará a xestión do ciclo integral da auga

A Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga foi aprobada no Consello da Xunta. Devandita lei servirá para mellorar a prestación dos servizos públicos do ciclo integral da auga. Así, a Xunta porá a disposición dos concellos un sistema voluntario que garanta unha xestión profesional e de calidade.
A norma busca mellorar a calidade das augas atendendo a outras responsabilidades sociais, ambientais e económicas. Tamén, dará resposta á demanda persistente de axuda por parte dos municipios no exercicio das dúas responsabilidades sobre a xestión da auga.
Deste xeito, haberá un modelo ao que se poderán sumar os concellos que o soliciten para mellorar a xestión das infraestruturas de abastecemento e saneamento que ofrecen.
O proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga inicia agora o seu trámite parlamentario co obxectivo de que resulte definitivamente aprobado no presente período de sesións e que poida entrar en vigor o vindeiro verán.
O obxectivo é lograr que as infraestrututas hidráulicas funcionen de modo eficiente as 24 horas do días e os 365 días do ano.

Adhesión voluntaria
Concellos con dificultades para acadar por si mesmos melloras na xestión ofréceselles, mediante esta lei, un modelo de adhesión voluntaria no que se regula o apoio nas súas competencias.
Desde o Goberno autonómico, ven primordial dar pasos cara adiante para axudar a concellos con dificultades para prestar, dun xeito correcto, este servizo municipal que tan importante é para o medio natural, a calidade da auga, a saúde das persoas ou mesmo para actividades económicas como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.
A Xunta de Galicia mobilizou máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas abarcando unha grande extensión nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Con esta inversión logrouse mellorar os indicadores de calidade das augas e o cumprimento das normativas comunitarias.

Xestión profesionalizada
Agora, con este novo marco regulatorio preténdese dar un paso máis no camiño da correcta xestión do ciclo integral da auga apostando pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e servizos asociados, partindo do coñecemento minucioso dos sistemas e da ordenación completa das súas instalacións.
Ademais, apostarase pola xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala, que implica menores custos derivados da optimización de materiais, equipos e persoal, permitindo aforros do 10%.

Regulación
Actualmente en Galicia hai varios modelos de xestión da auga (xestión municipal dos propios sistemas; consorcios, mancomunidades e sociedades supramuniciais; e depuradoras que son xestionadas directamente por Augas de Galicia (28 a día de hoxe). A lei tamén ofrece a posibilidade de estender ese apoio ademais das depuradoras, aos colectores. A norma implica, ademais, un modelo único e prezos homoxéneos e xustos no conxunto da Comunidade.

Pacto Local
Esta lei está en concordancia co Pacto Local da Auga asinado coa FEGAMP, no que se impulsa un instrumento público e integral de todo o ciclo da auga e na que participan activamente concellos e Deputacións.
En todo aquel municipio que solicite o apoio da Xunta, esta realizará unha auditoría completa do sistema co fin de coñecer a fondo o seu funcionamento. No caso de que se estime necesario executar determinadas obras, a Xunta financiará un terzo do custo das actuacións necesarias (outro terzo corre a conta dos concellos). O resto do investimento será o concello o que busque a fórmula de acadalo (aportándoo eles mesmos ou mediante convenios con entidades como Deputacións ou Confederacións Hidrográficas).

Actuacións
Augas de Galicia elaborará catro directrices técnicas para apoiar aos concellos na xestión da auga: para o control de vertidos; para o saneamento e depuración de pequenos núcleos de poboación, aglomeracións urbanas de menos de 2.000 habitantes; para mellorar a xestión das augas pluviais e reducir a entrada de augas brancas nas redes de saneamento; e para o fomento da eficiencia enerxética das instalacións de abastecemento, saneamento e depuración.
Búscase reducir as fugas das redes de abastecemento municipal, que en ocasións superan o 40%, e evitar infiltracións que causan gran parte dos 263 vertidos que aínda soportan as rías galegas.
Tamén se pon á disposición dos entes locais un programa de formación para que avancen cara unha xestión máis profesionalizada do abastecemento e depuración.
Para garantir a viabilidade económica e financeira na xestión da auga aplícase os principios de “quen usa, paga” e “quen contamina, paga”, reordenando os tributos existentes pero sen crear novas taxas que afecten aos usuarios. Así, seguirá sendo o concello o que decidirá o prezo do recibo da auga.

SOURCE: Lei Auga