A Xunta de Galicia ten activadas dúas liñas de axudas para que as pemes e microempresas galegas se beneficien das vantaxes da innovación. Desta maneira, avánzase no compromiso de achegar a cultura innovadora ao tecido empresarial coas novas convocatorias de InnovaPeme e DeseñaPeme.
Con esta medida, o ente autonómico, prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas no obxectivo de introducir as vantaxes da innovación en procesos, organización, produtos e servizos. Investiranse 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6 millóns.
Deste xeito, é posible manter os apoios coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño, con máis dificultades para emprender este camiño.
As dúas liñas de axudas deben presentarse por sede electrónica (https://sede.xunta.gal).
InnovaPeme
No mes de abril convocouse a quinta edición de InnovaPeme, unha liña de axudas destinada a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste eido. Cun orzamento de 2,8 millóns de euros permitirá ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 18 de maio.
A convocatoria de InnovaPeme será de concorrencia competitiva, 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa, e prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.
DeseñaPeme
Tamén vén de publicarse no mes de abril unha nova edición (neste caso é a segunda) de DeseñaPeme. A intención deste programa é o de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.
Nesta ocasión, o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, contarán cun orzamento de 1,5 millóns de euros, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros. Contarán cun incentivo do 50% dos custos de implementación incluídos no “Proxecto de Deseño para a Innovación e Sustentabilidade” que introducirá unha serie de actividades pensadas para constituír un conxunto completo e homoxéneo de fases que permita implementar ou incrementar as capacidades de deseño da empresa solicitante. Para presentar as solicitudes para esta axuda o prazo remata o vindeiro 23 de maio.
Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto a poñer en marcha nas empresas beneficiarias: deseño de produto (concepción e desenvolvemento de produtos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial); deseño de servizos e experiencias (concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico); e deseño de marca e identidade corporativa (formulación de proxectos de identidade corporativa e marca, con especial atención á representación de valores sustentables e innovadores). As dúas primeiras modalidades teñen unha duración mínima do proxecto de 12 meses e na terceira modalidade a duración mínima é de seis meses.
Apoios
Ambas as dúas liñas da Vicepresidencia económica, a través da Axencia Galega de Innovación, forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5 millóns de euros-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza -que promoverá desde a Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores- ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.
Grazas á posta en marcha en 2017 de InnovaPeme, xa se apoiaron 160 empresas cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización final de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos.
PSVet
Esta empresa de Boqueixón foi beneficiaria do programa InnovaPeme. Iván Cid, un dos seus responsables asegurou que esta axuda fixo posible a dixitalización da empresa ao 100%, ademais de ter a posibilidade de diversificala; algo que sen esta axuda sería impensable.
SOURCE: InnovaPeme e DeseñaPeme