Durante nove días, os que van do 11 ao 19 de xuño, Allariz volverá a ser un dos puntos máis destacados de Galicia coa celebración da Festa do Boi. Serán nove días nos que se poderá gozar de preto de 50 actividades.
Unha programación, na que se afanou a Asociación Cultural Xan de Arzúa xunto co Concello de Allariz, que despois de dous anos sen celebración fíxose para goce de todos os veciños e visitantes. Durante 9 días desenvolveranse actividades como música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi que, centrarán, un ano máis, a programación festiva.
A Asociación Cultural Xan de Arzúa, xunto co Concello de Allariz, apostan por potenciar o carácter cultural e histórico da festa con actividades como o trato do boi, a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios ou o encontro no Castelo. Arredor de 500 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi un ano máis.
Unha actividade que non podería falta é a Cea Popular do xoves 16 no Campo da Barreira. Nela participan os veciños de Allariz e as persoas que colaboran coa súa achega, e que fan posible que ano tras ano se celebre en Allariz esta festa tan demandada.
Este ano realizaranse 12 saídas do boi durante os nove días da edición de 2022. O comezo das saídas será anunciado con seis bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa recordan a importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas ao casco histórico, por onde se desenvolven as saídas.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestra, e os tradicionais Zés Perreiras, entre outros.
Para os cativos
Os máis pequenos da casa terán de novo o seu espazo cunha programación de actividades pensada para que eles e elas, na que serán os protagonistas. O martes e mércores (14 e 15 de xuño) a gran maioría de actividades programadas como o Pistaboi, as Saídas Infantís do Boi, os Boicreques ou o concerto de Ce Fantasma farán as delicias das novas xeracións. Ademais a Asociación en colaboración ca concellería de Cultura do Concello de Allariz realizará obradoiros no CEIP Padre Feijóo de Allariz os días previos ao comezo da Festa.
SOURCE: Festa do Boi 2022