Ourense súmase a esta celebración.

Día dos Museos

O día 18 de maio celébrase o Día internacional dos Museos, este ano co lema «O poder dos Museos» e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ten programadas unha serie de actividades para festexalo.
Deste xeito, o 18 de maio, mércores, realizaranse visitas guiadas ao Laboratorio de restauración (edificio Santa María de Europa), ás 10, 12, 17 e 19 horas (duración estimada duns 60 minutos) en grupos reducidos de 10 persoas como máximo.

Tamén haberá visitas guiadas aos almacéns do museo (edificio Santa María de Europa) ás 10.30, 12.30, 17.30 e 19.30 horas en grupos reducidos (10 persoas máximo) e cunha duración estimada dunha hora.
Outra das visitas guiadas será á sala “Escolma de escultura” (ao carón do Claustro de San Francisco). O horario será ás 11.30 e 19.30 horas e os grupos será de máximo 20 persoas; a duración estará en torno a unha hora.
É necesario anotarse a estas visitas no teléfono 988 788 439 ou no correo electrónico: mapour@xunta.es.

Obradoiro
Os días 18 e 20 de maio celébrase un obradoiro didáctico para nenos co título “O poder da pedra”, ademais dunha visita á sala de “Fondos Pétreos”, no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrao de Lás. O horario será de 10 a 13 horas.

Galería Visol
A Galería de arte Visol, organiza unha xornada de aproximación á arte. Entre outras actividades, a partir das 19.30 horas, realizarase unha visita guiada á exposición de Guzpeña que se exhibe neste espazo. Establecerase un pequeno coloquio improvisado entre artistas e o público asistente para levar a arte a tema de debate.

SOURCE: Día Internacional dos Museos