Celébrase do 10 ao 12 de xuño.

200 quilos de peixe degustaranse en Bande na Festa do Peixe de Bande

Este xuño regresa unha das citas festivo-gastronómicas máis lonxevas da nosa provincia. Do 10 ao 12 deste mes, Bande acolle a 51ª Festa do Peixe, declarada de Interese Turístico de Galicia, que contará con innumerables actividades ao longo destes tres días.

As celebracións, desta festa que ten a súa orixe nun campionato de pesca, comezarán o venres 10 de xuño ás 20 horas coa inauguración oficial, que inclúe actuacións musicais e unha degustación gastronómica na praza da Constitución. A xornada pecharase á medianoite cun espectáculo de música. O sábado, día 11, o programa comeza pola mañá con pasarrúas e exhibicións de patinaxe, seguindo pola tarde cun espectáculo infantil e a entrega de premios e trofeos de diversos concursos e campionatos. A música, xunto coas degustacións, protagonizan o resto da xornada.

O domingo concentra dúas das actividades estrela da festa. En primeiro lugar o campionato de pesca, que conta coa colaboración da federación galega. O presidente do Club O Peixe, Rafael Serrano, presente tamén no acto, explicou que a competición celebrarase entre as 8 e as 13 horas no coto de Ponte Liñares, no río Limia, coa participación de preto de 40 pescadores e con premios para todas as categorías: masculina, feminina e infantil. Xa pola tarde, a partir das 19 horas e na praza da Constitución está prevista a degustación de máis de 200 quilos de peixe, ademais doutros produtos locais como empanadas e pan artesán.

Presentación
Na presentación celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, cualificou á Festa do Peixe como “un clásico no calendario das festas gastronómicas de Ourense”, destacando que “volve con todas as forzas porque trala pandemia imos ter un verán inusual, con milleiros de persoas ao redor de celebracións como estas”. O presidente agradeceu á alcaldesa que “manteña estas tradicións, que ademais de promocionar o produto estrela tamén poñen en valor un municipio “que é como a provincia de Ourense a escala, xa que ten todo o potencial do noso territorio representado polo patrimonio cultural, natural e o termalismo”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas agradeceu o apoio da Deputación para esta festa que, lembrou, naceu da fama que entre os pescadores tiñan “os nosos magníficos e prezados ríos”. Con “moita ilusión, ganas e forza por retomar esta cita”, a rexedora invitou aos ourensáns “a gozar de tres días de festa nun concello no que poden coñecer a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, o campamento romano de Aquis Querquennis e as termas deste enclave”.

SOURCE: Festa do Peixe Bande