O Concello de Xinzo de Limia presenta unha programación de verán do máis deportiva. Será a máis completa da súa historia, con máis dunha decena de novas propostas, máis aló do fútbol e do baloncesto e nunha aposta decidida por fomentar entre os máis novos os valores do equipo e a convivencia.
Durante a presentación das actividades, a alcaldesa, Elvira Lama, asegurou que as actividades están pensadas para diferentes grupos de idade. “Queremos promover a actividade física nos cativos pero tamén para maiores, organizando propostas como o XinzoFit, que tan boa acollida tivo en pasadas edicións”, declaraba.
Deste xeito, recupéranse torneos que non se puideron celebrar o ano pasado, como o de Fútbol 7 (16 de 17 de xullo) e o de Pádel, tanto infantil (realizado a pasada semana) como de adultos (9 e 10 de xullo). Ademais, xorden novas propostas como dúas rutas de sendeirismo (a primeira delas este 24 de xuño) e unha carreira de obstáculos (O.C.R. Xinzo de Limia en setembro).
Co fin de facilitar a conciliación das familias nos meses nos que non hai colexio, volveuse a organizar o Campus de Verán (do 4 ao 29 de xullo), para nenos dende os 3 anos e en horario de 10.30 a 13.30h. coa opción Madruga se é preciso. O prezo desta actividade será menor para os empadroados no municipio. As inscricións poderán facerse no pavillón de deportes ou na Casa da Cultura ata o 22 de xuño.
Pola gran acollida de pasadas edicións, recuperarase o XinzoFit na Alameda do Toural, os martes e xoves ás 20 horas, a partir do 28 de xuño.
Outras actividades
Ademais das citadas, tamén haberá este verán o X Torneo Internacional de Minibásket, 25 de xuño; VIII Campus de Tecnificación Fútbol, do 27 de xuño ao 1 de xullo; Campus de Baloncesto A.B. Xinzo, do 27 de xuño ao 1 de xullo; Campus de Ximnasia, do 27 de xuño ao 1 de xullo; Torneo de Baloncesto 3×3, mes de xullo; Campus de Verán Fundación Celta, do 1 ao 5 de agosto; e Campus Salva Arco, do 30 de xullo ao 6 de agosto.
SOURCE: Actividades deportivas en Xinzo