Celebrarase esta fin de semana en San Cristovo de Cea.

Regresa a Festa do Pan de Cea ao panorama festivo

O concello de Cea acollerá unha vez máis a tradicional celebración en homenaxe a un dos produtos gastronómicos referenciais de Galicia, o pan de Cea. Este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) volverá a selo protagonista en San Cristovo de Cea esta fin de semana coa celebración da 29ª edición da Festa do Pan de Cea e a VIII edición da Ruta dos Fornos.

En total serán 2.000 pezas de pan e 400 participantes na comida popular dunha Festa que contará como pregoeiro con José Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do CHUAC.

Programación
A programación destas festas comezará este sábado, día 2 de xullo, coa celebración de diversos talleres que versarán sobre o complexo proceso de elaboración do pan e de aqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento.

Tamén durante a xornada do sábado de 18 horas ás 20 horas terá lugar a tradicional Ruta dos Fornos, que celebra este ano a súa 8ª edición. Nela, as persoas participantes terán a oportunidade de percorrer 6 distintos fornos, un máis que na anterior edición e nos que haberá distintas experiencias gastronómicas, sempre co pan coma protagonista. A animación musical da ruta correrá a cargo das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final da ruta correrá a cargo do grupo Movilla y los Irresistibles, ás 22.45 horas, e Gin Toni’s, ás 0.30 horas; ambos os dous na praza Maior.

Xa durante o domingo, terán lugar os actos da Festa de Exaltación do Pan de Cea no Campo da Saleta. Alí, na compaña de diversas charangas, gaitas e actuac30ións musicais terán lugar tanto o tradicional pregón das festas e a comida popular que contén múltiples produtos con denominación de orixe galega. Nese mesmo lugar, a través de diversos postos de artesáns e comerciantes poderán adquirirse varios produtos, incluído o Pan de Cea.

Ás 19 horas haberá unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezará a partires das 20 horas, con orquestra.

SOURCE: Festa do Pan de Cea