Un total de 24 equipos de Galicia, Cataluña, Andalucía, Castela e León e Portugal xogarán do 8 ao 10 de xullo o o II Maratón de Fútbol Sala Feminino de Cartelle. Os encontros disputaranse no pavillón de deportes Piño Vilachá, de Outomuro. Dende a organización explicaron que este torneo é o máis importante do mundo deste deporte en dotación económica.
Competición
A competición organizarase en 8 grupos de tres equipos cada un, dos que os dous primeiros pasarán ás seguintes fases, estando previsto que se dispute a final o domingo 10 de xullo sobre as seis da tarde. Tamén xogarase unha fase de consolación. O equipo campión obterá un premio de 6.000 euros, 1.000 o segundo clasificado e 500 o terceiro.
Na presentación do evento estiveron presentes o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa; e o responsable de Taffa Sport, José Ángel Baliñas, entidade organizadora do evento xunto co Concello e o apoio da institución provincial, ademais das xogadoras do Cartelle FS Silvia Bardanca, Ariadna Feijóo e Alba Losada.
Camping
A organización espera reunir a máis de 300 xogadoras, que disporán de toda a loxística necesaria grazas ás instalacións de acampada do Mundil, onde poderán acampar de forma gratuíta.
SOURCE: Maratón fútbol sala Cartelle