A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou aos mozos e mozas que participan esta semana no Campamento Astronómico que ten lugar Albergue Montañas de Trevinca, no concello da Veiga. Trátase dunha das novidades da campaña de verán deste ano e que está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre 10 e 14 anos.
O programa permite que un total de 30 mozos e mozas realicen actividades de observatorio astronómico e sendeirismo, combinadas coas experiencias multiaventura do Encoro de Prada como son o piragüismo ou paseos en bicicletas de auga.
Durante a súa visita, a directora xeral destacou o carácter educativo que, sen perder de vista o lecer, define a estes campamentos. Ademais, lembrou que representan unha importante oportunidade de conciliación para as familias, que poden compaxinar a súa vida laboral coa persoal ao tempo que os seus nenos e nenas están ben atendidos.
Larouco
Cristina Pichel aproveitou a súa visita á Veiga para coñecer tamén o campo de voluntariado de Larouco, no que participan 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. O programa, de marcado carácter arqueolóxico, inclúe actuacións no xacemento do Castrillón, así como actividades complementarias como o estudo da fauna e flora da contorna.
SOURCE: Campamento Astronómico