Manzaneda celebra este domingo, día 31 de xullo, a 13ª edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Unha cita de referencia que completa un fin de semana cunha intensa programación en Manzaneda, que acollerá o sábado, na praza da Igualdade do municipio, o 5º Serán da Seitura e, unhas horas máis tarde na estación de montaña, coa Noite Celta.
Programación do sábado
A fin de semana en Manzaneda arrancará o sábado ás 18 horas na praza da Igualdade de Manzaneda, coa celebración do 5º Serán da Seitura, enmarcada na homenaxe ás cantoras Clotilde Salgado, Consuelo López e Aquilino de Bidueira.
Nesta cita, presentada polos regueifeiros Lupe Blanco e Kike Estévez, actuarán a violinista María Rodríguez, os informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terra de Trives, o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, as Cantareiras da Real Banda, o Grupo A Pinguela de Manzaneda e a Real Xuvenil.
E esa mesma noite celebrarase na estación de montaña de Manzaneda a Noite Celta, a partires das 23 horas.
Fase final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas
O campo de competicións de Cabeza de Manzaneda acollerá o domingo, 31 de xullo, a fase final da 13ªedición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
A competición arrancará ás 11.30 horas, dentro dunha programación e inclúe o campionato de bastón de mando, o campionato de gaiteiros solistas e os concurso das bandas. Nesta fase final, participan no cuarto grao as bandas do Concello de Ríos, O Bolo e Baltar; no terceiro grao as bandas do Concello de Vilariño de Conso, Devalar do Concello de Amoeiro, Os Trintas de Trives e Aires Mineros de Matarrosa del Sil; no segundo grao, Ladies Band e Municipal de Chantada; e no primeiro grao, Castro Bergidum, Real Xuvenil e Agarimo de Catabois.
SOURCE: Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas