Máis de 500 romanos e castrexos participarán no desfile da Festa do Esquecemento, que recupera os actos tradicionais despois do parón da pandemia. A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, asegurou que este ano a festa recuperará a súa esencia. “Esta edición volveremos a vivir a celebración como se coñece e coas máximas expectativas desta nova directiva de mellorala e abrila a unha maior participación veciñal”. Lama tamén destacou a relevancia da festa como recreación histórica do pasado dos habitantes da Limia. “Queremos facer desta festa un referente para toda Galicia e para toda España e conseguir a declaración de interese turístico autonómico”.
A Festa do Esquecemento comezará o venres día 19 de agosto ás 20.00 horas coa apertura do mercado de artesanía que, como novidade, estará instalado no Toural. Estará acompañado dunha zona de xogos infantís. Ás 20.30 horas abrirá o campamento castrexo-romano, con 40 grupos participantes e nel recrearase a vida e costumes de romanos e castrexos. O desfile inaugural agárdase para as 23.30 horas e ao remate prenderase o Lume Sagrado, unha das representacións máis emotivas.
O sábado día 20 de agosto pola mañá, a programación comezará ás 12.30 horas cun acto institucional e farase entrega dos Premios Bispo Idacio. Ás 13.00 horas, a lexión lucense da garda pretoriana, a Cohors Lucensium Praetoria, realizará un desfile. A loita de gladiadores prevese ás 13.30 horas na praza Maior. Para a tarde organizáronse obradoiros e ata unha xincana, que darán paso ao desfile da Festa do Esquecemento, no que participarán máis de 500 romanos e castrexos.
O domingo día 21 de agosto, último día da festa, haberá pasarrúas dende a mañá e, ás 12.30 horas, oficiaranse os bautizos castrexo-romanos na praza Xoan XXIII. O principal acto desta xornada será o Cruce do Río Lethes, previsto para as 17.30 horas.
SOURCE: Festa do Esquecemento