O sábado, 20 de agosto, celebrarase a quinta edición da ruta turística e gastronómica de coches antigos “Monasterios y Castillos”, organizada polo Concello de Xunqueira de Ambía coa colaboración da Deputación de Ourense, e que tamén conta co apoio dos gobernos municipais de Parada de Sil, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, catro concellos polos que discorrerá este roteiro.
O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, e a técnica de Turismo do Concello, Beatriz Crespo, para repasar os detalles desta concentración de coches antigos -fabricados entre 1900 e 1969-, que suma xa case o 100% dos 40 inscritos -o custe é de 65 persoas por coche, para un máximo de dous persoas-.
O alcalde de Xunqueira de Ambía resalta o beneficio que xera esta concentración de vehículos no territorio, “dinamizando os concellos polos que pasa e beneficiando a todos os que se involucran na actividade”.
José Luis Gavilanes enmarca a ruta dentro da “intensa programación” que realiza o Concello de Xunqueira de Ambía ao longo dos meses de verán, “con fitos como a XXXIII edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga, con concertos de altísimo nivel en agosto e setembro na Colexiata de Santa María a Real”, os espectáculos enmarcados na Rede de Auditorios da Deputación de Ourense ou a iniciativa Sons do Verán, que tamén conta do apoio do goberno provincial, con “concertos de soul en directo cada venres de agosto ás 21,00 horas”. O rexedor tamén resalta o “gran éxito” de citas xa realizadas como “Camiñartes, o Encontro Intercultural Entre Camiños ou a serie de concertos de Música vs Espacios ‘Ars Combinatoria’, que afondan e reivindican a Xunqueira de Ambía coma a vila da música”.
Promoción, divulgación e fomento do interese cultural de Ourense
Con este roteiro turístico e gastronómico de coches antigos, os organizadores pretenden “promocionar, divulgar e fomentar o coñecemento e interese cultural e turístico do Camiño de Santiago e o patrimonio da provincia de Ourense”. Esta iniciativa, resaltan, quere “promocionar o noso destino co contacto do visitante coa beleza dos mosteiros e castelos, a unha velocidade de máximo 40 quilómetros por hora. Porque a esencia da nosa concentración é poñer en valor o noso patrimonio e gozar da nosa gastronomía”.
A saída da quinta edición da ruta turística e gastronómica de coches antigos “Monasterios y Castillos” está planificada para as 12,00 horas do sábado 20 de agosto en Xunqueira de Ambía. A partir de aí, está planificada a visita á igrexa de Santa Eufemia (12,15 horas), comida en Luíntra, mirador de Parada de Sil (17,00 horas), Xunqueira de Espadanedo (18,00 horas) e chegada a Xunqueira de Ambía (21,00), nunha noite con cena que inclúe concerto dun órgano antigo do século XVIII e do grupo Soul&Roll.
SOURCE: Monasterios y Castillos