Ademais distribuiranse unha serie de bonos desconto entre os establecementos adheridos a Aever.

O comercio local de Verín engalanarase para o FIC Vía XIV

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín, Aever, apoiará o desenvolvemento do FIC Vía XIV coa posta en marcha dunha acción promocional do festival en diversos establecementos da vila.
Ao igual que noutras edicións do certame, os comerciantes de Verín que o desexen engalanarán os seus escaparates con motivos relacionados co cinema no marco dunha inciativa promovida por Aever en colaboración co FIC: o concurso “escaparates de cine”.
Os tres mellores escaparates serán premiados con 150, 75 e 50 euros respectivamente e será no decurso do Festival, en concreto na xornada do 4 de setembro, cando se coñezan os galardoados. Os premios non poderán ser acumulables a un mesmo comercio.

Obrigas dos participantes
Os participantes deberán dispoñer desde o 22 de agosto ata o 4 de setembro os seus escaparates con motivos relacionados co cinema. Ademais, deberán ter visible o distintivo de participación no concurso facilitado no momento da inscrición, que poderán efectuar mediante un boletín que se editará ao efecto a través da sede de Aever. O prazo limite para inscribirse remata o vindeiro 16 de agosto ás 14,30 horas.
Poderán participar nesta iniciativa todos os establecementos comerciais que o soliciten e estean emprazados en Verín. O Concello designará aos integrantes do xurado, composto por un membro do consistorio e por dous do equipo do FIC Vía XIV 2022. O seu fallo será inapelable.

Xunto a isto, este ano a organización do Festival Internacional de Curtas de Verín distribuirá unha serie de bonos desconto entre os establecementos adheridos a Aever, que poderán ser trocados nas entradas para as proxeccións das sesións oficiais ou das actividades paralelas.

Carlos Montero, director do FIC, quere agradecer a implicación do comercio local co festival e destaca que os comerciantes e empresarios de Verín “sempre están aí respaldando a iniciativa e un ano máis imos contar co seu apoio para difundir e comunicar o noso certame entre a poboación”.

SOURCE: FIC Vía XIV aever