O novo Calendario de vacinación para toda a vida, aprobado en Consello da Xunta e posto en funcionamento o 15 de setembro, recolle todas as recomendacións e pautas de inmunización ordinaria para as persoas desde o seu nacemento e ao longo de toda a súa vida. Isto se debe a unha nova estratexia de vacinación, elaborado polo Goberno galego, que integra os calendarios infantil e de adultos que xa existían e inclúe novas vacinas. Deste xeito, e mediante a inmunización, increméntase a protección contra algunhas enfermidades infecciosas entran dentro desta nova estratexia de protección contra enfermidades infecciosas.
A Xunta, que, o pasado mes de maio, adquiriu novos compromisos para favorecer a saúde da cidadanía galega mediante un novo Calendario de vacinación para toda a vida inlcuiu novas vacinacións: a vacinación fronte ao virus do papiloma humano nos varóns de 12 anos; incorpora a vacina fronte ao Meningococo B e a vacina contra a gripe nos nenos de 6 a 59 meses.
Incorporar estas novas vacinas ao novo calendario supón para o ente autonómico un incremento no investimento anual de preto de 5 millóns de euros. Polo que, o investimento total para o ano 2023 da estratexia de vacinación da poboación superará os 23,6 millóns.
Protección e equidade
A nova estratexia no calendario para toda a vida supón un cambio, xa que fai que se pase dunha estratexia infantil a que se vexa como unha en todas as etapas da vida dunha persoa. Con este novo calendario cóntasde con novas vacinas, ademais de achegarse a novos destinatarios de vacinas xa existentes, aumentando a protección e a equidade no acceso ás vacinas da poboación galega fronte a determinadas enfermidades transmisibles.
Novidades
A vacinación fronte ao virus do papiloma humano nos varóns de 12 anos é unha das novidades do novo calendario, asimilándose á protección das nenas, xa instaurada desde hai anos na nosa Comunidade. Entón, todos os nados a partir do 1 de xaneiro de 2010 recibirán dúas doses desta vacina separadas en seis meses. A inclusión desta vacina supón un aumento do investimento anual de 1.350.000 euros.
Outra vacina que ao introducila no calendario vacinal aumenta tamén a equidade no seu acceso é a do meningococo B. Aínda que a vacina contra outros serotipos do meningococo xa estaba instaurada en Galicia, con esta nova incorporación auméntase a protección fronte a patoloxías pouco frecuentes pero moi graves como a meninxite provocada polo meningococo B, que ata o de agora non estaba financiada polo sistema sanitario público, salvo para algúns grupos de risco.
A pauta inclúe a administración de dúas doses –aos 2 e 4 meses de idade– máis unha dose de recordo aos 12 meses. O comezo da súa administración será o 1 de novembro de 2022 nos nenos e nenas nados a partir do 1 de setembro de 2022. A inclusión desta vacina no calendario supón un aumento anual aproximado de 2.850.000 euros.
A vacinación contra a gripe aos nenos e nenas entre os 6 e 59 meses de idade tamén se inclúe, xa que as taxas de hospitalización neste grupo de idade, incluíndo complicacións e infeccións, son altas. A vacinación na infancia diminúe tamén a enfermidade noutros grupos de idade ao reducir a transmisión dos nenos aos maiores. A inclusión desta vacina antigripal de forma sistemática neste grupo de idade comezará xa na campaña de vacinación de gripe deste ano 2022. Facer fronte a esta extensión da vacinación supón un custo de 762.000 euros para o Goberno galego.
Outra novidade incluída no Calendario de vacinación supón o aumento de protección fronte ao meningococo dos serotipos ACWY. Neste calendario, a vacina fronte a meningococo C indicada aos 12 meses de idade substituirase pola tetravalente, que inclúe os serotipos ACWY, do mesmo xeito que se fixera en 2019 coa vacina indicada para os 12 anos. O comezo da administración desta vacina será o 1 de novembro de 2022.
Programa actualizado
O Programa galego de vacinación conta cun amplo consenso respecto á súa efectividade e eficiencia. Lonxe de ser estático, actualízase e evoluciona en función das necesidades e da evidencia científica. Ademais, constitúe unhas das liñas de traballo de máis longa historia entre as actividades de saúde pública.
Aborda, o novo Calendario de vacinación para toda a vida, as necesidades da sociedade e realiza unha clara aposta, por parte do Goberno galego, pola prevención das enfermidades infecciosas ao longo de todas as etapas dunha persoa, completando así o proceso que este goberno iniciou en 2017 coa aprobación do primeiro calendario vacinal para adultos e integrando agora este co infantil nunha única estratexia de prevención da enfermidade.
O éxito deste Programa galego de vacinación está contrastado, debido a que acada niveis de cobertura superiores ao 90% na maior parte das vacinas de calendario. Os últimos datos de coberturas de vacinación publicados polo Ministerio de Sanidade indican unha cobertura superior ao 96% na vacina hexavalente fronte ao tétano, difteria, polio, hepatite B e outras dúas infeccións, mentres esta vacina acada unha cobertura dun 94,7% na media nacional.
Lógranse porcentaxes semellantes na vacina fronte ao pneumococo (cun 96% fronte ao 94,4 do conxunto do Estado) e aínda mellores na primeira dose do virus do papiloma humano, en que a cobertura do 99,9% conseguida en Galicia contrasta coa media do 89,60% no conxunto de España.
SOURCE: Calendario vacinal Galicia