O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou AZIMUT, en MUR Marxinal, unha iniciativa cultural vencellada ao programa O teu Xacobeo que resalta o paso do tempo en diferentes espazos arquitectónicos galegos que, por diferentes circunstancias (industriais, relixiosas, económicas,…) actualmente atópanse en abandono ou en desuso pero foron testemuñas dunha historia.
O delegado territorial explicou que non se trata dun proxecto contemplativo, con AZIMUT téntase fusionar este pasado con diferentes artistas galegos de diversas disciplinas e intervencións nestes lugares. Este programa pretende desenvolverse como un escaparate multicultural que mostre a Galicia máis plural e diversa, tradicional e moderna á vez, nunha mestura de arquitectura e interpretacións artísticas culturais galegas.
Gabriel Alén significou que esta representación ten como obxectivos destacar o patrimonio natural de Galicia, pór en valor o patrimonio cultural, salientar o patrimonio humano e intercambio de experiencias e achegarse á cultura da innovación. En definitiva -segundo o delegado territorial- a promoción de Galicia como destino turístico, a implicación da comunidade local e a unión do pasado coas novas tendencias artísticas; experiencias audiovisuais e concertos íntimos para ver en liña.
AZIMUT
A forma de plasmar o proxecto é a través da creación de cápsulas dixitais en determinadas localizacións seleccionadas. Unha mestura entre ao vivo show e performance. Poema visual.
Estas cápsulas produciranse, nun principio, sen público, xa que o que se pretende mostrar é a experiencia global da historia e a interpretación dos artistas en cada lugar. Son pezas para o goce dixital, rápidas, directas e virais. A duración da cápsula de entre 5 a 15 minutos, e poderase visualizar a través das canles propias en Youtube, Instagram e Facebook.
SOURCE: Azimut O teu Xacobeo