A Banda Municipal de Música de Celanova celebrará por segundo ano consecutivo a festividade da patroa, Santa Icía, con diversas actividades e cursa aos socios unha invitación nunha vintena de locais de hostalería. Despois do éxito obtido o ano pasado con esta nova forma de festexar este día e que sustitue a clásica comida popular, “decidimos repetir este ano para invitar aos 650 socios aos locais de Celanova” de forma que se reparte o gasto e se dinamiza o sector. Cada socio recibiu nos últimos días “dez bonos dun euro para gastar o vindeiro domingo 20 durante todo o día nos locais colaboradores”, explica o secretario do colectivo, Alejandro Mínguez.
As 11 horas dará comenzo a misa cantada e ofrenda na igrexa conventual de San Salvador de Celanova para ás 12 dar paso ao concerto conxunto da Banda Municipal e a Banda Xuvenil, no Auditorio Municipal, baixo a dirección de Miguel Pérez Lorenzo.
Fernando Manuel Martínez Menchón, presidente dende 2020 da asociación que sustenta á Banda Municipal e a Escola de Música, quixo agradecer o apoio dos asociados e anunciou novos proxectos para 2023 que non desvelou pero que “nos farán gozar moito a todos”.
Martínez Menchón quixo destacar tamén a participación da Banda Xuvenil no XV Certame Galego de Bandas que terá lugar na vila de Celanova os días 3 e 4 de decembro e resaltou a importancia de ser a primeira vez que esta actividade ten lugar fóra de Santiago de Compostela, o que reforza o carácter musical de Celanova e recoñece dalgún xeito o bo labor da Banda e da Escola da vila de San Rosendo. Eses días pasarán dez formacións musicais e mil músicos pola localidade.
SOURCE: Santa Icía en Celanova