Tamén avoga polo benestar laboral para acadar espazos de traballo máis produtivos e saudables.

A nova Lei galega de igualdade reforza a protección da muller contra os ataques sexistas e a violencia dixital

A nova Lei Galega de Igualdade (na que está a ultimar a tramitación a Xunta de Galicia) impulsará a protección das mulleres fronte a ataques sexistas por medios tecnolóxicos e promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia sexual.
Devandito documento, tamén recoñecerá a discriminación múltiple da muller por razóns acumuladas de discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración, entre outras. E o mesmo creará, para poder dar mellor resposta ás súas necesidades, un Estatuto das mulleres rurais e do mar cunha relación propia de dereitos.

Rexeitamento
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembra, ante a proximidade do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que a violencia contra as mulleres «constitúe a expresión máis crúa das iniquidades das que o ser humano aínda pode ser testemuña e só pode obter o rexeitamento como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade no seu conxunto».
O novo texto, que o Goberno galego está a preparar permitirá actualizar a normativa actual e seguir a manter a Galicia no compromiso da loita contra as desigualdades. «Queremos seguir a situar a Galicia na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller, ao permitir visibilizar desigualdades e avanzar para erradicalas», aseveraba Lorenzana que proseguía asegurando que Galicia «é xa referente no recoñecemento da violencia vicaria como unha forma máis de exercer a violencia de xénero contra á muller a través das súas fillas e fillos e de persoas próximas asasinadas», avanzaba a titular de Igualdade, quen lembra que a comunidade é punteira, ademais, «na inclusión da violencia dixital na lexislación, a que se exerce a través das tecnoloxías con finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión na privacidade sen consentimento da vítima».

Apoios
Galicia conta cos instrumentos axeitados para facerlle fronte á lacra da violencia de xénero, cun marco legal amplo que protexe a todas as vítimas e con axudas directas -máis de 1.000 concedidas cada ano- para que a dependencia económica do agresor non sexa un obstáculo para rachar co perigo e poder vivir en plenitude e liberdade. «Queremos seguir a mellorar a resposta institucional para que sexa máis precisa e eficaz”, especificaba a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, que considera clave «o acceso ou a reincorporación ao mercado laboral no camiño da súa recuperación». Neste sentido, lembra, a Xunta de Galicia leva anos impulsando, en colaboración cos concellos e entidades e cooperativas sen ánimo de lucro, políticas para que estas mulleres poidan traballar.
Un dos obxectivod primordiais do Goberno autonómico está na erradicación plena da violencia de xénero. «Enfrontamos con compromiso os desafíos aos que nos expón e avogamos por reforzar aínda máis a protección das mulleres novas, das de maior idade e das residentes en contornas rurais, das vítimas de discriminación múltiple e de agresións sexuais”, manifestaba Lorenzana.

Benestar laboral
Esta nova lei introducirá a idea do benestar laboral vencellada coa conciliación, a maternidade, a prevención de riscos ou o teletraballo, entre outros.
Así, a Administración pública, pretende promover entre o tecido empresarial a creación de contornas de traballo cada vez máis respectuosas e cooperativas, saudables e democráticas, xustas e solidarias. E para iso, a Xunta quere concienciar ao empresariado galego sobre a importancia da flexibilización de horarios e impulsar medidas que faciliten a conciliación e a reciclaxe profesional das persoas traballadoras, para que esto se traduza nunha mellora da produtividade e competitividade.
A conselleira de Igualdade sinala que, neste eido, estanse a impulsar políticas de conciliación que van máis aló dunha compensación económica e mudar cara a promover un bo uso dos tempos e dos horarios nas firmas, para o que é clave facer partícipe ás empresas. Pero, sempre por unha corresponsabilidade real no fogar e unha redistribución de roles no ámbito familiar, para o que é prioritario poñer o foco en medidas que incidan na igualdade laboral entre mulleres e homes.
En definitiva, a futura Lei Galega de Igualdade, ademais de apostar por este concepto do benestar laboral, converterá a Galicia, na primeira comunidade autónoma en regular os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral e creará un Estatuto das mulleres rurais e do mar cunha relación propia de dereitos para mellorar o seu acceso a recursos e a participación social.
Como explica Lorenzana, a nova normativa busca o compromiso do Goberno galego coa igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. “Coordinar a loita contra a violencia machista, erradicar a brecha salarial de xénero, lograr a empregabilidade de mulleres vítimas de violencia machista, promover o emprendemento feminino e mesmo dispor os medios para que empresas e organizacións implanten a efectiva igualdade laboral son retos recollidos na futura Lei”, conclúe.

SOURCE: Lei galega igualdade