O Auditorio Municipal Ilduara de Celanova será a sede da celebración do 15º Certame Galego de Bandas de Música, que terá lugar os días 3 e 4 de decembro. O certame, que por primeira vez celebrarase fora de Santiago, contará coa participación de oito bandas de música, ten entrada gratuíta e poderase ver tamén por streaming.
A presentación contou coa presenza do deputado Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; o secretario xeral de Política Linguística, Valentín García; e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares -organizadora do evento-, Iván Estévez.
Pablo Pérez destacou que “é unha verdadeira honra para a Deputación apoiar este certame, que ten en Ourense e, concretamente, Celanova, o espazo ideal para a súa celebración”. Valentín García manifestou a “enorme satisfacción por ver como este certame chega a Ourense, unha provincia cunha fonda tradición nas bandas de música, elementos dinamizadores que vertebran culturalmente o país”. Pola súa banda, Antonio Puga agradeceu á Federación Galega de Bandas de Música Populares que escollera a vila celanovesa para celebrar este certame, destacando a tradición cultural de Celanova e a capacidade loxística e técnica para acoller este tipo de eventos.
Programación
O certame arrancará o sábado 3 de decembro no Ilduara coa participación das bandas de Caldas de Reis (17 horas), Santádega (18 horas), a Banda de Lourenzá (19 horas) e a Agrupación Musical da Limia (20 horas).
Para o domingo 4 de decembro, pola mañá será quenda para a sección infantil, coa participación a mediodía da Chikiband -de A Limia- e a Banda de música infantil de Rubiós (12.30 horas). Pola tarde, actuarán a banda xuvenil da Escola de Música de Silleda (17 horas) e a Banda Xuvenil de Celanova (18 horas). A continuación celebrarase o acto de clausura, coa entrega de diplomas e premios, que pecharán un fin de semana no que tamén se dará conta do resultado do XV Concurso Galego de Composición, que conta con 44 propostas inscritas.
Iván Estévez agradeceu na súa intervención o respaldo da Deputación, Concello e Xunta de Galicia, e sinalou a alta participación de bandas de música ourensás ademais da presenza da Banda de Lourenzá, nacida na pandemia.
SOURCE: Certame Galego Bandas de Música