O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez e o presidente da Confederación de empresarios de Hostalaría, Comercio e Turismo de Ourense, Ovidio Fernández, asinaron o convenio de colaboración entre o Concello e as dúas entidades para poñer en marcha un programa de bonos de 100 euros para dinamizar e incentivar o consumo nos comercios polo miúdo e establecementos de hostalaría de Ourense.
O Concello destinará unha achega económica de 10 millóns de euros a este programa de bonos, que recibirá a totalidade da veciñanza da cidade, para consumir no comercio e a hostalaría local. Será “a campaña máis importante de España en canto a bonos de apoio ao comercio e á hostalaría local”, avanzou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen destacou a implicación da Federación de Comercio e da Confederación de empresarios de Hostalaría nesta iniciativa. As dúas entidades súmanse con achegas “simbólicas” desde o punto de vista económico, de 1.000 euros, “pero que son un apoio importante porque a campaña vai dirixida principalmente á hostalaría e ao comercio de Ourense e queriamos contar con estas dúas asociacións.
Os bonos de 100 euros, avanzou o rexedor, estarán operativos nos primeiros meses de 2023. Explicou a este respecto, que o Concello decidiu finalmente que a mellor época do ano para desenvolver esta campaña é “na clara costa de despois do Nadal”, polo que os bonos estarán operativos do 1 de febrero ao 31 de marzo.
O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría, Comercio e Turismo de Ourense, Ovidio Fernández agradeceu a “sensibilidade” do Concello cara a un sector, a hostalaría, no que, explicou “vimos dun pasado moi cheo de dificultades para subsistir” e valorou moi positivamente este bono “para que os ourensáns o invistan no noso comercio”. “Os apoios nunca veñen mal e máis nestes intres”, manifestou.
A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez tamén valorou positivamente a iniciativa: “actividades como esta e sobre todo despois do Nadal, que son datas data na que o consumo baixa moito, a verdade é que o vemos importante e interesante. Desde a Federación de Comercio dicimos que a administración ten que seguir comprometéndose co pequeno comercio de proximidade da cidade, que é un elemento fundamental nas rúas, que dá vida e dá moita luz. Tense que comprometer a sociedade a levantar este pequeno comercio que temos na cidade, pero tamén as diferentes administracións. Será unha iniciativa moi importante para o comercio local”, desexando que teña unha continuidade.
SOURCE: Bonos de 100 euros para gastar no comercio local