O Concello de Ourense licitou o expediente para contratar a “redacción do proxecto, a execución das obras, e a dirección facultativa para a construción e urbanización do denominado “Parque Coto de Canedo”.
O proxecto prevé o acondicionamento de espazos libres, un parque, que será o máis grande da cidade, un aparcamento público soterrado con máis de 300 prazas lowcost, e unha piscina, entre outros equipamentos, no solo urbano 32, zona 2 do Plan de Urbanismo de 1986. Trátase do interior da mazá formada polas rúas San Rosendo, San Froilán, Avenida das Caldas, Avenida Basilio Álvarez, Victoria Kent e Jesús Pousa Rodríguez, no barrio da Ponte. O proxecto desenvolverase de conformidade co anteproxecto aprobado polo Concello de Ourense o 22 de setembro de 2021, por un importe global máximo de 7.960.372,20 euros, IVE engadido.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou esta mañá que “hoxe é un gran día para a cidade, porque sacamos a licitación da maior obra municipal que se fixera xamais na historia do Concello de Ourense: o parque Canedo que se construirá no corazón do barrio da Ponte, de 20.000 metros cadrados de superficie, unha gran piscina de verán, solaina, áreas de recreo e deportivas e un aparcamento de máis de 300 prazas lowcost para darlle un grande impulso a toda a zona, no barrio da Ponte”.
Pérez Jácome explicou que o Concello conta na actualidade cun anteproxecto desta intervención. Agora, licita conxuntamente a redacción do proxecto e a execución das obras, de forma que tan pronto como se remate o proxecto, poidan comezar os traballos de construción. O rexedor agarda que o proxecto comece a redactarse en marzo, as obras empecen a realizarse en xuño e estean rematadas en decembro do ano 2024.
Espazo público con diversidade de usos para toda a cidadanía
A intervención prevé urbanizar un espazo público situado no interior dunha mazá edificada, creando unha ampla zona verde para desfrute da poboación, dotada de diversos servizos públicos que permitan satisfacer as necesidades lúdicas da poboación, incluíndose ademais un gran aparcamento subterráneo que dea servizo ao novo espazo e ao barrio no que se sitúa.
O parque público, ademais das diversas áreas verdes de esparexemento con percorridos peonís e do aparcamento subterráneo, contará cunha piscina pública con todos os servizos necesarios, dúas zonas infantís con xogos infantís adaptados ás diferentes idades, un circuíto biosaudable sénior, unha zona deportiva e xogos de auga, todo nunha contorna vexetal que achega zonas verdes e de sombra. Créase así un espazo urbano público integrado, vivo, habitable e con diversidade de usos; que lle proporcionará unha importante mellora a esta contorna, achegándolles novos servizos ás persoas que residen no barrio e no conxunto da cidade.