Bande presenta o programa do Entroido

Bande xa ten todo listo para a celebración do Entroido 2023. Novamente os Troteiros serán os grandes protagonistas dunha celebración que irá do 11 de febreiro -sábado- ata o mércores 22.

Programación
Así, o sábado, 11 de febreiro, terá lugar a ruta dos Troteiros polas aldeas; sairán desde o Concello e estarán acompañados pola Asociación Cultural Xirandela.
O sábado, 18 de febreiro, será o día da Xuventude (de 12 a 30 anos) que terá lugar no pavillón de deportes de 16 a 21 horas. Haberá Dj; showcooking; fútbol burbulla; inchable futbolín humano; tiro con arco; slack-line; talleres de graffiti; sensibilización ambiental, igualdade de xénero e habilidades para empregabilidade.
Un día despois, domingo 19 de febreiro, será un dos días fortes do entroido. Ás 11 horas, os Troteiros percorrerán as rúas de Bande acompañados polos gaiteiros de Cadós. Ás 14 horas, no albergue, xantar popular de cocido troiteiro (20 euros adultos, 11 menú infantil). Para as 17 horas está previsto o desfile de carrozas e comparsas. E ás 18 horas, actuación do trío 3.com.
O Luns Feo -20 de febreiro- un obradoiro de máscaras terá lugar na biblioteca de 10 a 14 horas; e ás 16.30h saída dos Feos ou Farrapeiros por corvelle e vista a Calvos.
O martes, 21 de febreiro, os Troteiros volven ás rúas de Bande a partir das 11 horas co acompañamento da charanga Os Bandiños. O baile de máscaras comezará ás 17.30 horas na praza da Constitución, con filloada gratuíta.
E rematarán os actos do entroido en Bande, o mércores, 22 de febreiro, con dous eventos: un obradoiro de capuchóns que realizarase na biblioteca (de 10 a 14 horas), e o enterro da Sardiña a partir das 20 horas (con sardiñada).

Desfile
O desfile de comparsas e carrozas traen premio por participar. As carrozas con 10 ou máis participantes levarán 300 euros e as comparsas con 10 ou maís participantes levarán 200 euros.
En cantos as premios especiais á mellor carroza levarase 500 euros e a mellor comparsa 300. En ámbalas dúas categorías serán os propios participantes os que elixan o gañador.
As inscricións están abertas ata o xoves, 16 de febreiro nas oficinas municipais ou na biblioteca. Consulta de bases no Concello.