Este ano o Entroido de Verín recupera todo o seu esplendor con máis de 100 horas de música en directo e unha programación concibida para o desfrute de todos os públicos.
Un total de dezaseis actuacións de música itinerante, once orquestras e cinco disco móbiles marcarán o ritmo do entroido de Verín, que comeza o día 9 co xoves de Compadres e rematará o 21 de febreiro co Martes de Entroido. Así o confirmou, durante a presentación da programación, Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, quen destacou que «este ano, por fin podemos dicir que volve o noso Entroido con toda a súa pura esencia. Agora sí, este é o momento de que desfrutemos de novo, sen ningún tipo de restrición organizativa, do que consideramos que e a identidade propia da nosa celebración: o entroido popular na rúa».
Somoza anunciou tamén que nesta edición poténciase a programación infantil axendada para o luns de entroido. «Contaremos cunha tarde repleta de talleres temáticos de Entroido, multitude de xogos populares e un gran concerto familiar da man de agrupación “Uxía Lambona e a Banda Molona”. Todas estas actividades estarán situadas este ano na praza da Mercé, creando así un escenario alternativo ideal para un público máis familiar», destacou a concelleira.
Por outra banda, recupéranse nesta edición todos os desfiles do Entroido.
Nova App oficial
Tamén, como importante novidade, o Concello de Verín anunciou o lanzamento dunha nova app, dispoñible para dispositivos Apple e Android, coa que veciños e visitantes poderán acceder a toda a información relevante destas tradicionais festas reunida dixitalmente dunha forma intuitiva e dinámica.
Na mesma, ademais de atopar todo tipo de información de interese como a programación, historia, unha exposición virtual de carteis, galerías fotográficas ou un completo mapa con todo tipo de puntos de interese (como restaurantes, hoteis ou zonas de aparcamento libre, etc.), poderase coñecer en tempo real a localización de todas as charangas e desfiles a través dun sistema de localización por gps.
Programación
A programación arrinca o xoves de Compadres (9 de febreiro), e o Domingo Corredoiro (12 de febreiro) co pregón que será ás 13.30 horas na praza García Barbón.
O xoves, 16 de febreiro, chega o Xoves de Comadres; ademais do tradicional día na que as mulleres collen o protagonismo pola noite. O desfile infantil terá lugar a partir das 11.45 horas no que participan todos os centros de ensinanza da comarca de Verín. O percorrido levaraos desde o entroncamento de Canella Cega coa rúa Cabreiroá, rúas Deputación, Luís Espada e Lisa, para rematar na praza García Barbón. Durante o día haberá amenización musical coas charanga Los Támega, Tattoo, Vakapinta, Mil9, Nova Trives (de 11.30 a 13.30 horas, e de 21 a 1 horas).
Ademais, a medianoite, realizarase o descenso da comitiva polo camiño real, encabezada por Don Carnal para que ás 00.30 horas a Raíña reciba á comitiva e dirixiranse á praza García Barbón para dar a benvida ás longas noites de festa no Entroido de Verín. Despois haberá a actuación da Orquestra Marbella.
No Venres de Compadreo, os entroideiros degustarán viño e o tradicional porco ao espeto; sairán dous carros do compadreo desde o barrio de San Lázaro ata a rúa Irmáns Moreno, poñendo a música os Festicultores Troupe. A charanga Big Band actuará de 11.30 a 13.30 horas e a Europa, de 19 a 22 horas. Tamén haberá o Disco Móbil Space noa na rúa Irmáns Moreno ás 20 horas e o grupo Claxxon actuará na praza García Barbón a partir das 00.30 hora.
O Sábado de Entroido -18 de febreiro- arrincará cas charangas Vakapinta e Terras do Bibei ás 11.30h. Xa pola tarde terá lugar, a partir das 17 horas na praza da Mercé, a investidura dos novos cigarróns no «Bautizo do Cigarrón», para xusto despois, dar comezo o baile de Capuchóns e Mascaritas amenizado pola Disco Móbil Son de la Nuit. O circuíto de charangas percorrerán as rúas de Verín de 17 a 22 horas. A música non faltará na praza García Barbón con Fania Blanco Show e La Oca, que actuarán pola tarde, noite e ben entrada a madrugada.
Recta final
O Domingo de Entroido, 19 de febreiro, o Gran desfile matinal será a partir das 12 horas. Neste día tampouco faltará a música todo o día cos grupos Miramar (19 e 00:30 horas) e Finisterre (20:30 e 2 horas) e as charangas Los Támega, Noroeste, Tattoo, Vakapinta, BB+, Nova Trives que estarán presentes no desfila e durante a tarde polas rúas da vila.
O Luns de Entroido (20 de febreiro) é un día adicado para os maiores e cativos. O Entroido Infantil acollerá obradoiros de entroido e xogos tradicionais e a actuación de Uxía Lambona e a banda molona, na praza da Mercé das cinco da tarde en adiante. Tampouco faltará o baile de Entroido no Centro da Terceira Idade da Alameda. A música nesta ocasión a porán as charangas Noroeste e Jalácticos (ás 11.30 e ás 17 horas); e na praza García Barbón o Disco Móbil Mono (de 17 a 20:30 h) e JB Son (de 20:30 a 22 e de 00:30 a 02:30 h)
E Verín despedirase do Entroido 2023 o martes 21 de febreiro con música, charangas e o defile central -a partir das 16.30 horas-. As charangas, ademais de acompañar no desfile percorrerán as rúas de 11.20 a 13.30 horas. E para este último día, a música correrá a cargo dos grupos Salsarena e Players que terán dobre sesión, cada un deles, na praza García Barbón a partir das 19 horas.