Un total de 13 folións participarán no tradicional desfile de Folións e Boteiros do Entroido de Pobra de Trives, que se celebrará o domingo 12 de febreiro dende as 15 horas. Nesta 18ª edición recuperará todo o seu esplendor despois de que a pandemia obrigase o ano pasado a variar o tradicional percorrido polas rúas para evitar aglomeracións pola pandemia. Ademais da Asociación Os Labregos, entidade organizadora en colaboración do Concello de Pobra de Trives, participarán no desfile os folións de Maceiras, Lardeira, Caniceira, Arrieros de Petín, Viticultores de Vilamartín, A Veiga, Manzaneda, Chandrexa, Xuntos polo fulión de Vilariño, Fradelo, Buxán e Carracedo. Tamén para a tarde do domingo 12 actuará a orquestra París de Noia, dende as 20 horas na rúa San Martín.
O sábado, 18 de febreiro, está previsto o concerto do grupo Malenne ás 22 horas. Ao remate da actuación ofrecerase a Discomóbil Cholate, na praza do Reloxo.
Entroido infantil
Para os nenos e nenas haberá o Entroido infantil o luns, 20 de febreiro, a partir das 16.30 horas. Haberá unha chocolatada e discomóbil infantil, ademais de animación con pompas na praza do Reloxo.
O martes, 21 de febreiro, terá lugar unha batucada, a partir das 16.15 horas, co grupo Tabaleiros da Istoria polas rúas de Pobra de Trives. O desfile de Entroido comezará unha hora máis tarde, ás 17.15 horas, con comparsas, carrozas e folións. Haberá unha entrega de premios.