Remata con éxito un ano máis o ciclo de educación sexual nos centros educativos de Allariz. Entre o mes de febreiro e principios de marzo, levouse a cabo o ciclo de educación sexual que o Concello de Allariz oferta dende hai varios anos, para os cursos de 6º de Primaria do Colexio Padre Feijoo, e 2º e 4º da ESO do IES de Allariz.
Este ano como novidade realizouse un obradoiro para profesorado de primaria.
O ciclo impartiuno a educadora familiar do Concello de Allariz, e ten como finalidade traballar, a partir de intervencións curtas, contidos da disciplina sexolóxica relacionados coa puberdade e a adolescencia. A idea dos ciclos de educación sexual foi acuñada por Efigenio Amezúa, e nesta ocasión fai referencia a tres sesións para cada un dos grupos, onde se traballou contidos relacionados co feito de ser sexuados e sexuadas, e as implicacións que ten para nós e para as relacións que establecemos, é dicir, para a convivencia.
Reflexionaron sobre os cambios nos corpos e nas relacións derivados deste momento biográfico, e introduciron ideas que aportaron un maior coñecemento para axudar a un mellor entendemento de cousas que nos poden pasar, e que inflúen no mozo/a que estou sendo. Ideas como o feito de ser sexuados e diferentes, as ideas de amizade, do gusto polo outro/a, das ideas de parellas, etc.
Contidos todos eles traballados dende unha actitude comprensiva e de cultivo, entendendo e valorando a diferencia e cultivando así a convivencia, obxectivo final deste tipo de intervencións por parte do Concello.