O San Lázaro chega a Verín esta fin de semana

O Concello organizou unha variada oferta de actividades.

O Concello de Verín ten previsto para este San Lázaro, este 25 e 26 de marzo, un variado programa de actividades para todos os públicos. A festividade contará con máis dunha vintena de actividades, distribuídas por toda a vila.
Feira de Artesanía e alimentación, actuacións musicais, natación, actividades de ocio para todas as idades, unha mostra de vehículos novos e de ocasión, menús especiais Lázaro e os tradicionais actos relixiosos conforman a oferta deste ano. A tradicional misa do Lázaro celebrarase na Igrexa Parroquial de Santa María a Maior (domingo, 12 horas).

Actividades
No eido dos deportes as actividades previstas, todas o sábado 25, son: Torneo das Escolas Deportivas de Natación (10:30 horas); e o partido de veteranos de fútbol entre o A.D. Veteranos Verín e o G.D. Chaves, na Granxa, ás 16:30 horas.

A feira de mostras de artesanía e alimentación estará aberta os dous días no Pavillón Municipal de Deportes, e ofrecerá obradoiros, cata e maridaxe de viños, ambientación musical ou catas de produtos de alimentación. Contará con máis de medio centenar de expositores cos produtos máis variados (incluído un Túnel do Viño da DO Monterrei).
Debido o aforo limitado nas actividades ubicadas no pavillón, recoméndase realizar as inscrición por algún dos seguintes medios: vía mail: adl@verin.gal, no formulario da web municipal, a través da Oficina desenvolvemento local do Concello de Verín ou durante a feira no stand da organización. As persoas inscritas nas actividades deberán estar no espazo dedicado ás mesmas cunha antelación mínima de 5 minutos antes do comezo. Tampouco faltará na rúa Irmáns Moreno haberá unha mostra de vehículos novos e de ocasión.

En canto á música, o sábado 25 de marzo, ás 17:30 horas, a praza da Mercé será o escenario da segunda edición do Festival de Bandas de Música “Vila de Verín”. A praza García Barbón acollerá a actuación da Orquestra Claxxon en dous pases (21:00 e a 1:00 da madrugada do domingo). E o domingo, haberá un pasarrúas (17:00 horas) e a actuación da Orquestra Olympus (19:30 horas) na praza García Barbón.