A iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 dando cobertura ás vacantes laborais non cubertas pola falta de perfís profesionais en Galicia.
‘Retorna Cualifica Emprego’ é un programa polo que se aposta forte para atraer talento galego do exterior e asentar poboación. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aspira atraer unhas 400 persoas que viven no estranxeiro para que traballen e desenvolvan o seu proxecto vital en Galicia.
A iniciativa, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, é a primeira coa que a Xunta promove o regreso de galegas e galegos menores de 50 anos residentes no exterior con interese en incorporarse ao mercado laboral na comunidade. Devandito retorno vai acompañado da correspondente formalización dun contrato laboral indefinido na comunidade.
O ente autonómico detecta, en base ás necesidades que manifestan as empresas interesadas en cubrir as súas vacantes, postos que non se cubren por residentes en Galicia. Estas ofertas mostraranse ás persoas galegas residentes no exterior, polo que se contribúe a dar cobertura ás vacantes laborais non cubertas pola falta de perfís profesionais en Galicia, ao tempo que enfronta a situación demográfica de envellecemento que afecta á comunidade e facilita o dereito das persoas galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia.
Obxectivo
O ‘Retorna Cualifica Emprego’ duplica tanto en número de medidas (un cento) como en orzamento (450 millóns de euros) á súa predecesora, a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata 2022.
Nesta ocasión, márcase como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 persoas galegas do exterior nos vindeiros catro exercicios, o que incrementaría nun 35% o fluxo actual de retorno ata as 7.500 persoas cada ano. Das catro áreas en que incide a Estratexia, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (con oito).
Colaboración
Deste xeito, intensificarase o asesoramento para o emprendemento e o autoemprego da galeguidade retornada, en especial no rural. Facilitando, ademais, a participación destas persoas en programas de inclusión sociolaboral, reforzando a súa capacitación en habilidades transversais demandadas polo mercado e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude que regrese. Ademais, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a ofrecer a clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais a posibilidade de implicarse no Retorna Cualifica Emprego mediante a adhesión a un protocolo xa aprobado polo Consello de Goberno da Xunta.
Formalizado o vencello, establécense fórmulas para que as ofertas de emprego que non se cobren por falta de candidaturas no Servizo de Emprego de Galicia, poidan ser atendidas a través de persoas galegas residentes no exterior. Invitarase ás entidades a participar en xornadas, foros e actos de divulgación do programa; tamén se abrirá unha canle no Servizo de Emprego de Galicia para que poidan dirixirse as firmas interesadas en lanzar as súas ofertas no exterior.
Os programas de emprego desta Estratexia buscan a inserción laboral das persoas desempregadas de nacionalidade española e orixe galego, favorecen o emprego estable e facilitan o incremento de oportunidades laborais; accións formativas para a adquisición de competencias e capacidades; e unha actuación para impulsar a creación de empresas cunha fase de preaceleración de acompañamento e titorización dos proxectos e unha de aceleración para os plans de negocio máis viables.
Reto demográfico
A Estratexia Galicia Retorna 2023-26, que se aprobou o pasado 15 de decembro no Consello da Xunta, dá continuidade ao primeiro Plan integral de fomento e apoio ao retorno. A nova planificación parte da idea do retorno como unha vantaxe para incorporar á sociedade e ás empresas galegas persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, favorecendo a atracción e a retención do talento como unha oportunidade para superar o reto demográfico.
Trátase dun documento reitor das liñas de actuación para a galeguidade residente no exterior -máis de medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes-, principalmente en Latinoamérica e en países como Suiza, Alemaña, Francia e Reino Unido.
Ademais das medidas de impulso laboral, a Estratexia ofrecerá outras de índole social, de educación e de asesoramento, seguimento, coordinación e control para o apoio integral ás familias no retorno.
Respecto aos obxectivos demográficos, ata 2021 foron 28.000 persoas as que chegaron á nosa comunidade, e a nova Estratexia Retorna Galicia márcase superar esta cifra ata chegar aos 30.000 retornados.
Modernización
A Xunta está a acometer un amplo proceso de modernización, polo que Retorna Cualifica Emprego aproveitará as vantaxes deste proceso, para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego co obxectivo último de mellorar a empregabilidade de galegas e galegos, mediante a aposta pola cualificación profesional. Por iso, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a renovar, nalgúns casos adquirindo novas infraestruturas, as oficinas de emprego, cun investimento previsto en 2023 de 3,3 millóns de euros. A dixitalización das oficinas é outras das novidades, incluíndo un novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real.
Tamén creou un servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial integrado por 136 orientadores, repartidos nas 53 oficinas de emprego das correspondentes Xefaturas Territoriais de Promoción do Emprego da Xunta.
A Xunta acaba de completar, por outra banda, o proceso de creación dun distrito único para os servizos de emprego. As entidades empregadoras poden presentar e tramitar ofertas en calquera sede, independentemente do lugar onde se localice o posto convocado. As persoas demandantes de emprego xa podían dirixirse a calquera oficina desde hai case un ano para realizar xestións e inscribirse nas mesmas.