As ourensás afrontan a fase de ascenso como anfitrioas no polideportivo do Pompeo, nun torneo que se disputará do venres 21 ao domingo 23 de abril.
O polideportivo do Pompeo acolle, desde este venres 21 até o domingo 23 de abril, a fase de ascenso da Primeira División á Superliga Feminina de Voleibol. O Aceites Abril CV Ourense será un dos seis equipos que compitan polas dúas prazas que dan dereito ao ascenso de categoría.
Dous anos despois da súa primeira tentativa, as xogadoras ourensás deberán enfrontarse aos equipos campión e subcampión dos tres grupos nacionais da Primeira División de voleibol feminino: Agrupación Deportiva Voleibol Astillero de Cantabria, Aceites Abril Club Voleibol Ourense, Garden Hotels Mallorca Volley, Ramón Soler Club Esportiu Voleibol L’Hospitalet, Club Voleibol Guía de Gran Canaria e Club Voleibol Finestrat de Alacante.
O sistema de competición será o de dous grupos de tres equipo que se enfrontarán entre eles en cada grupo. O Club Voleibol Ourense, encadrado no grupo B, terá que enfrontarse o ao Guía Gran Canaria (venres 21 ás 10 horas) e ao Mallorca Volley (sábado 22 ás 9 horas).
O sábado pola tarde disputaranse os partidos correspondentes ás semifinais e o domingo pola mañá concluirá o torneo co partido para o terceiro e cuarto posto a partir das 10.00 horas e coa gran final que se disputará a partir das 12.30 e que proclamará ao gañador como o Campión da Primeira División Nacional de Voleibol Feminino.
O Club Voleibol Ourense organiza este torneo conxuntamente coa Real Federación Española de Voleibol, e será de acceso libre para todos os afeccionados.