Camilo Vila García, candidato do BNG en Xinzo
Cómo definirías a situación actual no concello de Xinzo?
Camilo Vila: «Mellor que fai catro pero peor do que debería. O punto de partida do cuatripartito era terrible, cun concello feito a medida para según que intereses dunha parte sesgada da poboación. Con ese punto de partida comezouse a traballar. Manter o grupo de goberno foi un traballo titánico das catro forzas; porén non deu todo o pulo a Xinzo que esperabamos, sobre todo por que non se deu traducido en cambios palpables para a xente do común. Moi boa intención, moito traballo pero non se deu conectado coa xente para transmitirllo».
Cal é o principal problema que detectas actualmente no concello de Xinzo?
C.V.: «Sen dúbida ningunha son dous. Un é o déficit económico derivado dunha xestión moi interesada por un sector en concreto afín ao PP de Xinzo, que deixou un concello endebedado e cun plan de axuste que impide que ata dentro de nove anos non se poida facer ningún tipo de investimento potente nin política transformadora real. E a outra gran eiva deste concello é que nunca houbo capacidade ou vontade de crear unha liña estratéxica. Xinzo é un concello que vai indo pero nun hai unha aposta consensuada e definida como pode ser a de Allariz desde fai 30 anos ou de Verín desde fai oito. E penso que a potencialidade que temos é tremenda cun sector agrogandeiro punteiro
Cal sería a medida estrela do seu partido neste próximo mandato?
C.V.: «Dúas que redundan no mesmo. A que máis nos preocupa é a despoboación polo que cara o reto demográfico as dúas solucións principais serían a oficina das casas cun servizo de asesoramento para persoas que queren rehabilitar unha casa e se atopan con mil trabas burocráticas; e ao mesmo tempo, facer que familias que non viven aquí contrúan os seus plans de vida no medio rural. Que escollan a Limia como espazo para vivir. Por outra banda, apostamos pola humanización de Xinzo -facelo paseable-. O noso símbolo é andar en bicicleta, se podemos facelo quere decir que non hai camións no medio de Xinzo, que hai espazo físicos para poder andar con elas, onde deixalas, sistemas de alugueiros. Son pequenas pezas, e a grande sería recuperar algo que se falou, timidamente, hai 20 anos e non chegou a nada, como é a circunvalación na zona sur de Xinzo».
Que propostas presentades no voso programa para a dinamización económica do concello de Xinzo?
C.V.: «A dinamización económica ten que partir do consenso de hostalaría, industria e comercio. Coas obras das avenidas temos a ocasión de facelo dunha maneira sensata e que todo teña unha coherencia entre si. Boto de menos unha planificación estratéxica plurianual. Cambiarlle o firme ás avenidas e ampliar as beirarrúas deben vir acompañadas dun plan de dinamización do comercio, de que o propio concello asuma alugueres dos baixos que están non usados para poder dinamizalos, un gravamen impositivo para os que estean pechados sen expectativa nin búsqueda real dun relevo. Mesmo a praza de Abastos é un recurso económico para o concello xa que é unha infraestrutura montada e que agora está desatendida.
Despois debemos explorar vías relacionadas coa chegada de xente como o xeoturismo; no norte de Galicia hai concello relacionados entre eles e que moven moi ben iso. Non temos ningún lugar declarado de interese xeolóxico pero os temos como un a tres quilómetros de Xinzo.
E por último, a aposta grande ten que estar na pataca. Non se pode obviar que somos fillos e fillas de labreigos; a agricultura é o motor económico e vital da Limia, polo que apostamos pola transformación de produtos. A produción deixa a riqueza inmediata para as persoas, pero cómpre darlle un valor engadido -a transformación-. É mirar sen complexos a un mundo moderno onde, como por exemplo, as bolsas reutilizables xa son realidade; moitas delas poderían facerse da fécula da pataca».
Dependendo dos resultados electorais, estarías aberto a pactos con outras formacións?
C.V.: «Seguro que si, por que senón non sería coherente o que comentei nesta entrevista. Planificacións estratéxicas, plans plurianuais, ten que ser con toda a xente, incluso coa oposición por que a oposición de hoxe pode ser o goberno de mañá e se esté desfai o feito non camiñamos cara ningún lado. Así que, pactos? por suposto. As 13 persoas que van dirixir o concello sairán de diferentes forzas. Agora, ata o día 29 pola mañá non se pode falar de cales».