Paco Rodríguez, candidato do PSOE en Ourense
Como definiría a situación do Concello?
Paco Rodríguez: «Lamentable. Ourense é unha cidade fermosa, con homes e mulleres traballadores, decentes e honestos e non se merecen isto. Non podemos ser tratados nos medios nacionais coma o lonxano Oeste. A partir do 28 de maio precisamos que isto cambie e palpo na rúa o desexo do cambio. Isto ten que ser como un mal soño pero con consecuencias moi graves para Ourense. Levamos oito anos perdidos, os catro primeiros co PP de Jesús Vázquez e estes últimos tamén coa complicidade ds populares. Agardo que o PP aprenda e non volva ser cómplice dun desastre coma este, e que tralo 28 aparezca un proxecto compartido entre todos chegando a acordos».
Cal é o principal problema en Ourense?
P.R.: «O desgoberno e a indignidade institucional destes anos. Debemos recuperar a autoestima coma ourensáns, a partir de aí, posicionar a Ourense de cara ao futuro. O AVE -a dúas horas Madrid- trae unhas posibilidades inmensas que temos que explotar tanto na cidade como na provincia. No aspecto termal, por exemplo, entre todos temos que pensar e nese contexto desenvolver o futuro».
Cal sería a medida estrela para estes catro anos?
P.R.: «Teño interese en desenvolver un gran proxecto no barrio da Ponte que será o máis importante en Ourense na metade deste século: a gran estación intermodal, asumindo que Ourense é a gran porta de entrada a Galicia. Tamén debemos construír vivenda para mozos, que haxa centros comerciais, hoteis.
Outra medida moi importante é o proxecto do Bulevar Termal desde o Campo da Feira ata Outariz. Debemos aproveitar a circunstancia de que se está facendo a variante norte, polo que temos que reconvertir a Nacional 120 nunha rúa con beirarrúas anchas, árbores, e conformar un gran espazo verde onde se potencien as pozas e no que haxa merendeiros, zonas de xogo».
Algunha proposta en dinamización económica?
P.R.: «Se falamos da estación facémolo de dinamización económica, pero temos que por en valor todos estos recursos que temos. Ademais, debemos poñer en valor ao pequeno comercio que é unha referencia en Ourense e axudalo, pero non dando 100 euros a todos os cidadáns que non é xusto, habería que dalos a quen máis o precise. Creo que deberíase reducir os impostos e creando un ambiente na cidade que xenere unha atracción para que a xente compre. As grandes zonas empresariais están nos concellos limítrofes polo que debemos facer unhas boas comunicacións e potencialo».
Toca falar de pactos ao non presumirse maiorías absolutas.
P.R.: «O PSOE é un partido de Goberno e aspira a gobernar e conseguir co maior apoio posible dos cidadáns facelo. Se non fora así, o único pacto de goberno posible sería co BNG. Xa existiu e funcionou ben. Agora ben, se os cidadáns sitúannos noutro contexto diferente -como que o PP teña unha maioría- estaremos coa vontade inequívoca de apoiar desde a oposición, negociar, pero sempre coa boa disposción para apoiar eses proxectos estratéxicos tan necesarios a desenvolver. Hai que chegar a acordos coa vontade de poñer a Ourense por enriba de todo e sacar adiante eses proxectos que non poden esperar máis».