Obradoiros, coloquios e unha xornada formativa para o Día LGTBIQ+

Terán lugar os vindeiros 19 de xuño, no Centro Cívico Colón, e 21 de xuño, no Centro de Información Municipal ás Mulleres.

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Igualdade, celebrará o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ con obradoiros, coloquios e unha xornada formativa sobre a diversidade e a pluralidade. Serán os vindeiros luns 19 e mércores 21 de xuño, coa participación aberta a público de todas as idades -inscrición previa e gratuíta-, no Centro Cívico Colón e no Centro de Información Municipal ás Mulleres coa participación de expertas na materia.

A primeira das dúas xornadas terá como protagonista a sexóloga Bárbara Serrano para falar da importancia da pluralidade desde un enfoque multidisciplinar, que abrangue a profesionais, activistas e familias. Posteriormente terá lugar unha mesa redonda con representantes dos tres sectores mencionados. O programa complétase o mércores, 21 de xuño, co obradoiro ‘Pensar a diversidade’, impartido por Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM.

As inscricións son gratuítas, e realizaranse no Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) ou a través do enderezo de correo electrónico concelleriamuller@ourense.es

Programa
– Luns, 19 de xuño.17.30h. Centro Cívico Colón: Xornada formativa
Pensando na diversidade: profesionais, activismos e familias. Charla-coloquio Diversidad(es): a importancia do plural
Relatora: Bárbara Serrano Martín. Sexóloga, docente e participante no equipo de Identidades do Incisex.

– Luns, 19 de xuño. 19.00h. Centro Cívico Colón: Mesa redonda
Máis miradas á diversidade: Activismos, familias e profesionais.
Interveñen: Laura Bugalho, activista transfeminista; Icíar Solache Guerras, endocrinóloga do CHUO; Soledad Fernández Costas, nai dunha moza trans.

– Mércores, 21 de xuño. 17.30h. CIMM (Rúa do Ensino 24): Obradoiro
Pensar a diversidade
Imparte: Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM de Ourense