O campo de competicións da estación de montaña reunirá o domingo, día 30, a trece bandas de gaitas procedentes de León, A Coruña, Lugo e Ourense, incluíndo ademais o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando.
Máis de 300 gaiteiros reuniranse o domingo, día 30, na estación de montaña de Manzaneda para participar no XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que organiza a Deputación de Ourense coa colaboración do Concello de Manzaneda e a Xunta de Galicia, así como tamén co apoio da propia estación de montaña. Un evento que iniciará as súas actividades na tarde do sábado, día 29, coa celebración do VI Serán da Seitura e a Noite Celta.
O programa do certame foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Luis Menor; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira da Xunta e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Manuel Pardo; o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e o representante da estación de montaña, Nacho Pereira.
Luis Menor destacou a importante compoñente de tradición que ten este certame, “tanto pola música de gaita por ser parte da nosa propia cultura musical”, como polos anos que hai que se organiza o evento, “que baixo distintas denominacións e modalidades celébrase desde 1990”.
Apuntou o presidente da Deputación dous aspectos tamén significados desta cita, como a oportunidade que supón de “demostrar a aprendizaxe dos milleiros de rapazas e rapaces que estudian nas escolas de gaitas da provincia e do resto de Galicia”, sen esquecer o labor de promoción do mundo da gaita “a través dun certame que hoxe está plenamente recoñecido e no que teñen participado bandas de toda a península ibérica, Europa e América”.
Amable Fernández puxo en valor este tipo de certames “por ser o xeito de manter a nosa tradición musical a través dos mozos que concorren tanto en solitario como en bandas”, mentres que Manuel Pardo falou do exemplo que supón “como traballo de defensa do patrimonio cultural galego e de dinamización do rural”.
Xosé Lois Foxo foi o encargado de detallar o programa. Explicou que tralas dúas primeiras fases desenvolvidas en Xinzo de Limia e Quiroga, o domingo celébrase a fase final -tamén chamada Memorial Gabino García- no campo de competicións da estación de montaña de Manzaneda, única en Europa. Alí vanse dar cita 300 gaiteiros pertencentes a 13 bandas de gaitas procedentes de León, A Coruña, Lugo e Ourense, incluíndo ademais o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando.
O programa do sábado inclúe o VI Serán da Seitura de Manzaneda -Memorial Ludivina Pérez-, que ofrecerá once actuacións na praza da Igualdade do concello. Unha cita que ten como obxectivo salvar do esquecemento os cantos da rica tradición da Galicia rural. Tras esta cita celebrarase na estación de montaña a Noite Celta coa participación de bandas de gaitas, grupos folk e gaiteiros solistas.