O vindeiro día 19 de agosto, sábado terá lugar a celebración da 24ª edición da Malla Tradicional de Lalín.
A mesma é Festa de Interese Turístico de Galicia, promovida polo Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda, Entidade acollida ao SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos) do Ministerio de Turismo, dende hai 17 anos, sen dúbida unha das mallas galegas máis relevantes, tanto pola amplitude e calidade das súas recreacións, como pola nutrida concorrencia de participantes e público asistente.
Aínda que se pode inferir que a malla procede do Paleolítico, hai evidencias de que se realizaba nos castros galegos na modalidade de Malla á Pedra, cóntase con documentación, case toda iconográfica, das Sociedades civilizadas do Post-Neolítico, e as Culturas do Oriente Próximo, practicando xa os dous métodos da Malla á Pedra e Malla con Males (Exipto), sendo ben coñecida a Malla co Trillo, tirado por animais realizada polos Romanos.
Estes xeitos de mallar permaneceron vixentes durante centos de anos, ata que a principios do século XX foron substituídos por malladoiras manuais, logo por máquinas, motores e aventadoras, e finalmente, cambiadas por malladoiras de tractores, ata a súa completa desaparición alá polos anos 70, coa chegada das modernas colleitadoras.
Dende o primeiro día, temos a gran fortuna de contar coa total implicación e participación da poboación local, sendo unha iniciativa conxunta do Museo Casa do Patrón, a totalidade do lugar de Codeseda, a parroquia de Doade e de xente procedente de once parroquias de Lalín, que nos permiten recrear fielmente as cinco modalidades históricas da malla, postos en escena por preto de setenta persoas, utilizando os xogos de máquinas, motores e aventadores, e diversas ferramentas da exposición permanente do Museo.
Este duro, sacrificado e complexo traballo, que ademais está precedido da preparación do terreo, a sementeira, o mondado, a sega, o atado e carrexo dos mollos, a preparación da eira e a feitura da meda, e seguido da moenda e cocido tradicional do trigo e centeo, representa a culminación do proceso produtivo do noso “pan de cada día”, que resultou fundamental en toda a Galicia interior, tendo especial relevancia na Comarca de Deza, onde se chegou a mallar a “meda vella” procedente do ano anterior, en sinal de fartura.
Deste xeito, conseguimos xerar unha forte identidade de pobo e sentido do lugar, xa que este traballo representa a esencia máis pura do rural galego, no que o único actor, protagonista e destinatario final é a totalidade do Pobo Galego, ao que lle dedicamos esta orixinal festa ao aire libre, unha mestura de cultura, etnografía, gastronomía, música e natureza, situada no corazón de Galicia.
Tamén é a malla o máximo exponente do traballo comunitario das aldeas galegas, na que se implicou toda a poboación rural durante centos de anos, dende os máis cativos aos máis vellos, pobres e ricos, traballando a reo e compartindo sangue, suor e bágoas durante días e semanas enteiras, como se dunha soa familia se tratara.
Por iso constitúe unha verdadeira homenaxe aos nosos devanceiros, que coa súa humildade, xenerosidade, intelixencia natural e esforzo compartido nos mostraron o vieiro a seguir nos momentos de dificultade.
O máis transcendental dunha malla non é o carácter rudimentario da malla á pedra, a perfecta sincronización dos males ou o espectacular ruxir e colorido das máquinas e motores, senón a fermosa estampa de ver traballar “cóbado con cóbado” a todo un pobo, esquecendo posibles diferenzas persoais, facendo unha extraordinaria labor de equipo, coa máis alta implicación e intensidade que require esta faena.
Queremos facer especial mención a todas aquelas persoas, algunhas das cales xa non están entre nós, pero vivirán para sempre no noso corazón, que fixeron posible este gran evento coa súa participación voluntaria e desinteresada, así como o apoio institucional recibido ao longo de máis de dúas décadas, a todas luces necesario e beneficioso para o conxunto da poboación, xa que, entre todos, conseguimos que esta malla sexa un dos recursos culturais e turísticos máis salientables da zona a día de hoxe.
Ademais de estar no centro xeográfico de Galicia, o día da Malla queremos ser o centro cultural e histórico de Galicia, convertendo este singular evento nunha grandiosa homenaxe e tamén nun acto de reivindicación do mundo rural galego, en aras revertir a continuada desaparición das súas aldeas, ás que tanto lle debemos todos, porque en última instancia a malla é un berro de anguria das aldeas condenadas a morrer, e tamén unha inxente mostra de amor cara a Galicia baleirada.
Aínda que algunhas aldeas e mallas están a desparecer en Galicia, estamos convencidos de que a nosa malla continuará durante moitos anos, pola gran implicación e participación de xente nova, aínda que co tempo o seu formato vaia cambiando, porque como ben dixo a nai Teresa de Calcuta,
“Ensinarás a voar, pero non voarán o teu voo.
Ensinarás a soñar, pero non soñarán o teu soño.
Ensinarás a vivir, pero non vivirán a túa vida.
Sen embargo, en cada voo, en cada vida, en cada soño,
perdurará por sempre a pegada do camiño ensinado”.
Prácenos invitar a galegos e forasteiros a que acudan de xeito masivo á Malla Tradicional de Lalín; os cativos para coñecer en vivo unha das maiores, máis espectaculares e arraigadas tradicións desta Terra, e os máis vellos para revivir os anhelados anos da súa mocidade.
Manuel Blanco