Desde a Ponte… a Monterrei
“Dende a Ponte a Monterrei”, o libro que recompilou a miña memoria, arrebatoume o tempo. Quedo en paz, coa alma prendida e luminosa. Pagou a pena o esforzo. Aí quedan as andanzas dun Quixote, atrevido e cauto ao mesmo tempo, namorado do posible e do imposible, sabedor das pedras topadas no camiño, pero agradecido dun traballo feito dende o corazón.
Mais a verdade é, que cicais obsesionado coa miña doncela de Monterrei, esquecín a outra dama que tamén me cautivou. Sei, que xamais lle adiquei un verso a tan nobre dona, tal vez obnubilado pola beleza da outra, a de mais alá, a que nunca deixa de namorarme.
Celoso queda o Támega, cando contemplo os reflexos de prata do río Arnoia, que iluminan a esencia romana da ponte Vella de Vilanova, porta principal do paraíso. Lope de Vega, cumpriu o desexo da muller do rei de Castela, Alfonso X o Sabio, compoñendo «Un soneto me manda hacer Violante y en la vida me he visto en tal aprieto….».
Violante de Aragón fundou o mosteiro de Santa Clara de Allariz, ala polo ano 1268. A historia desta fermosa vila está aí, nos libros, nos documentos que por sorte están a bo recado.
Quixera nestas letras render admiración a un dos pobos mais fermosos do planeta. Un conxunto histórico artístico feito polo pobo e para o pobo, un rexurdir da decadencia dando batalla o despropósito e facendo triunfar a creatividade.
Teño envexa sa de Allariz. Hoxe esquezo por un intre a torre das Damas en Monterrei e déixome seducir pola maxia do Penedo da Vela, onde outro castelo impuxo o seu poderío. Igrexas de distintas construcións como a parroquia de Santiago, San Bieito e santo Estevo deixan o románico e o barroco espidos con mostras de beleza maxestosas. A Barreira, coa fonte circular, puido ser antano, un inmenso campo de batalla. Hoxe, é punto de encontro dos veciños para realizar as variadas actividades e celebrar as festas, dando tamén comodidade e acollida aos milleiros de visitantes.
As beiras do río, son xardíns deseñados pola mesma natureza, que non deixa máis normas ca improvisación natural da sinfonía das fervenzas que forman as augas dun río con lenda.
O barrio xudeu, coas casas singulares que chaman a atención polos brasóns heráldicos que posúen, e como non pola súa meticulosa restauración, acollendo a inmellorable idea de manter, as rúas coas lousas de pedra primitivas que lle dan o casco vello un caché extraordinario.
A maxia xurde en Allariz por calquera recuncho. As veces, o silencio e a tranquilidade apousenta no seu ambiente, invitando aos moradores e visitantes á relaxación e a facer mentalmente un viaxe no tempo cara o mundo dos gremios que daquela eran abundantes, ao igual que hoxe, coas variadas tendas de todo tipo, locais gastronómicos e museos, onde se pode desfrutar sen acougo.
Pero o máis importante, de todo este tesouro único que constitúe un patrimonio da biosfera dende 2005, é a xente de Allariz. Os alaricanos son achegados, acolledores e sobre todo festeiros. Máis, cando a loita obriga a unha razón de ser, entón toparemos ao alaricano rebelde e loitador pola súa terra, guerrilleiros da cultura e das tradicións coma demostraron na revolta pacífica do 89 que mudou sen dúbida a idiosincrasia dun pobo de principio a fin.
Tamén foi importante a recuperación da Festa do Boi. Un patrimonio infinito que xamais morrerá porque a forza que transmitiron os de antes, aqueles homes e mulleres que viron o futuro con antelación, e que hoxe, a xuventude da vila, xunto cos que xa peitean canas, seguen coa mesma ilusión por manter vivas as tradicións que nunca máis deixarán apagar. Escribo con coñecemento da causa. Coñezo ben aos heroes que fan posible a evolución ancestral desta festa. Os do sedeño, os da aguillada e como non, os intrépidos corredores que arriman a casaca verdinegra preto do corno afiado.
A miúdo paseo polas rúas de Allariz, e déixome embruxar coa súa maxia. De súpeto, un flash ven a miña memoria. A rúa está ateigada de xente. Baixa por Entrecercas un boi lanzado cara o Eiro guiado pola astuta aguillada de “Visi”. Os mozos lévano voando ao compás do tenso sedeño. Por conexión verinense, fago lembranza para Luis Conde Vila, profundo animador do rexurdimento desta festa, incansable home da aguillada que co espiritu de Xan de Arzúa, quixo participar na súa honra con coraxe e sentimento ata o fin dos seus días.
Allariz, paraíso terreal cheo de romanticismo histórico. A Ziralla, o Allariz que namora.
Miguel A Prieto Sotelo “Chitin”