Por novena vez consecutiva, atopámonos ante unha páxina en branco das nosas vidas, cando comezamos coa máxima ilusión unha nova campaña arqueolóxica na formidable Mámoa do Coto do Santo da Pedra.
E, ao igual que nas 8 campañas anteriores executadas, 7 no castro de Doade e 1 de prospección, catalogación, sinalización e limpeza das mámoas da parroquia, non temos nin idea do escenario que nos podemos atopar.
A sorte está botada! O pasado 10 de outubro do 2023 foi un gran día, que marcará un antes e un despois na historia da parroquia de Doade, xa que empezamos a escavación deste cemiterio prehistórico, un verdadeiro templo sagrado, dende o que, nada menos que 5000 anos nos contemplan e unha vez sacados á luz os segredos que agochou ao longo de tantos séculos, xa nada volverá a ser igual.
Despois de longos 15 días de arduo traballo e mesmo sacrificio de 7 arqueólogos profesionais, agravados polas inclemencias meteorolóxicas reinantes, con moito vento e choiva, agudizadas polo feito de estar no cumio do Santo da Pedra, na cima da parroquia de Doade, a uns 700 m. de altitude, como corresponde ao mes de outubro, no que segundo o sabio refraneiro popular galego “outono é o mes das cheas, cando nacen as fontes e a auga tira coas pontes”, xa vai rematando a fase de escavación deste monumento, un verdadeiro símbolo das primeiras pegadas do ser humano por estas terras.
Aínda que circunstancias totalmente alleas a nosa vontade nos obrigaron a acometer esta dura campaña nunhas datas tan complicadas, quédanos o orgullo de que, unha vez máis, fomos capaces de executar o proxecto na súa totalidade, desafiando todo tipo de dificultades, acadando todos os obxectivos previstos: localizamos o anel perimetral que parece delimitar o túmulo, na ausencia de coiraza, baleiramos a maior parte da cámara funeraria no centro do cono de violación, constatando a súa enorme destrución no saqueo medieval, sen existir evidencias dun corredor que a comunique co exterior, e constatamos un nivel de uso dun camiño medieval, con posible orixe prehistórico nas inmediacións da mámoa, localizando ademais varias estruturas ao redor do centro do túmulo, que puideran corresponder a construcións auxiliares da cámara, ou ben a outros enterramentos.
Entre os materiais recuperados cabe destacar, ademais da tampa superior, unha gran rocha que polo seu peso foi parar ao fondo do burato e varios posibles ortostatos, a maioría deles rotos e demais líticos que compoñían a cámara, algúns con coviñas e cazoletas gravadas, un ídolo-placa feminino, xunto cunha tapa redonda, como posibles ofrendas situadas enriba da tumba central, así como varios anacos de cerámica prehistórica e moderna e un cravo de ferro.
Sentímonos moi afortunados de poder constatar “in situ” cunha inmensa alegría a fabulosa magnitude das primeiras obras dos nosos antepasados máis afastados no tempo e máis próximos no espazo, ao mesmo tempo que experimentamos a tristura polas actitudes dos que viñeron detrás, non só espoliando, senón tamén arrasando literalmente todo o que atoparon ao seu paso, dende a Idade Media ata os nosos días (non debemos esquecer que aínda hoxe se están a destruír estas sacras reliquias dos nosos devanceiros), sen sopesar as nefastas consecuencias que supoñen para o acervo cultural da nosa historia máis primixenia.
Esperamos que as sondaxes realizadas nesta primeira campaña de escavación da fachendosa Mámoa do Coto do Santo sexa tan só o primeiro paso dun longo camiño, servindo de estímulo para acometer cara a futuro unha escavación en área da totalidade da mesma, que a Casa do Patrón está disposta a asumir, sempre que reúna os apoios necesarios, que aquí e agora demandamos, cuxo resultado sería espectacular, xa que representa os valores esenciais da nosa parroquia (singularidade, complexidade, maxestade, valor paisaxístico, lenda asociada…), acreditando de novo que “Doade is different”.
Con esta 9ª campaña arqueolóxica promovida polo Museo na nosa parroquia, cambiando, tanto de espazo coma de época con respecto ás anteriores, podemos afirmar que pechamos un importante ciclo, cun completo estudo dos elementos prehistóricos de Doade, perfectamente definidos e explicados, tanto nas memorias oficiais dos arqueólogos, como nos libros editados ao respecto: “O Castro de Doade, unha fortaleza da Idade do Ferro no corazón do Deza”, “O Segredo do Castro de Doade”, “O Falar das Pedras” e “O Patrimonio Inmaterial de Doade”.
Grazas ao enorme esforzo do Museo Etnográfico Casa do Patrón, xunto coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Lalín, veciños de Doade, socios, colaboradores e amigos do Museo, medios de comunicación… conseguimos rematar outro fecundo ano repleto de visitas guiadas e atención de colexios no Museo, combinadas con actividades culturais e turísticas de gran calado, como a XXIV Malla Tradicional de Lalín, a XV Recreación do Proceso do Liño, o XIII Congreso de Saúde e Vida Natural, a 2ª edición do libro “Pola graza de Deus, e relixiosidade popular en Galicia” e a “Dinamización Turística da Mámoa do Santo da Pedra” aquí comentada, que culminaremos nos meses de novembro e decembro coa edición e presentación do libro “A Etnomedicina Galega”, o documental etnográfico “Os Trasnos de Doade, herdeiros dunha tradición musical” e a V edición do evento “Unha aldea no Nadal”.
Tan só nos queda expresar o noso eterno agradecemento a todas as persoas e Institucións públicas e privadas que confiaron en nós, axudándonos a continuar traballando outro ano máis ao máximo nivel a prol da recuperación, conservación e divulgación do patrimonio e da cultura galega.
Manuel Blanco Villar