A Xunta mantén o compromiso cos servizos de emerxencia dos concellos

O Goberno galego leva investidos máis de 23 millóns de euros nos últimos anos.

A pesar de tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén, ano tras ano, o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos.

Investimento
Nestes últimos anos, a Xunta leva investidos só nas agrupacións de voluntarios de Protección Civil máis de 23 millóns de euros. En concreto, máis de 14 millóns en equipamento -incluíndo a contía deste ano-, catro millóns en gastos de funcionamento e cinco millóns máis na formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da formación dos efectivos deste colectivo e doutros servizos de emerxencias da comunidade.

No 2023
Só neste exercicio, o ente autonómico xa resolveu a orde de axudas a gastos de funcionamento, que distribuirán 340.000 euros entre 189 agrupacións da comunidade. Canto ao equipamento, xa se publicou tamén a liña de axudas por 452.000 euros que suporá a cesión de 21 kits de material loxístico de seguridade viaria, outros 21 para as emerxencias no medio acuático, 21 de ferramentas eléctricas, oito remolques e 20 tendas de campaña de atención ás emerxencias.

Reforzar equipamento
Todo isto supón un investimento histórico de 26 millóns de euros para reforzar o equipamento tanto destas agrupacións como dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
A Xunta colabora ademais en contar con servizos de emerxencias ben equipados e ben formados. A formación recíbena na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no marco do seu plan de formación continua e nos cursos para obter o carné de voluntario de Protección Civil. Nestas datas publicouse a convocatoria de 11 cursos dirixidos aos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Protección Civil
Protección Civil é un servizo público orientado ao estudo e prevención das situacións de grave risco colectivo, catástrofe extraordinaria ou calamidade pública nas que poden perigar, de maneira masiva, a vida e integridade física das persoas e a proxección e socorro destas, os seus bens e o medio ambiente, nos casos en que estas situacións se produzan.
Neste servizo público participan na súa organización, funcionamento e execución, as diferentes administracións públicas, así como a cidadanía, mediante o cumprimento dos correspondentes deberes e a prestación da súa colaboración voluntaria.

GES
Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), xunto cos voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), son os servizos de emerxencia máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar atención en moitas das intervencións de emerxencias.
Os GES comezaron a funcionar na nosa comunidade no ano 2013, e complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias de Galicia, que xunto a bombeiros, policías, o Centro de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e o 061, entre outros, conforman unha importante malla de seguridade en todo o territorio galego.