Desde a Ponte… a Monterrei
Tal vez, ao ler estas letras, sentirás morriña, e o teu corazón axitarase por un intre, ao pensar, que algunha vez desfrutaches na discoteca con máis sona de Galicia. A mítica sala de festas do edificio Buenos Aires, onde a xuventude dos cincuenta bailou sen acougo, a ritmo da xenuína orquestra Monterrei, a mediados dos setenta, apagou as luces e permaneceu durmida un tempo. Un día calquera, apareceu pola vila Arsenio Martínez Paz “Nito”. Apeouse dun impoluto Mercedes dourado, e coa idea visionaria de crear a sala-disco máis moderna de Galicia, sentouse co meu pai Santos para dialogar. Dito e feito. A idea foi imparable. En pouco tempo, as luces de neón xa relucían na fachada do emblemático Buenos Aires, e unha bolboreta de cores, sería a sinal de identidade. Un 18 de decembro de 1976, a Niton´s abriu por primeira vez as súas portas para acoller unha xuventude electrizante e chea de vida. Na entrada esperaba, Pepe Chaves, o añorado taquilleiro, que tivo a labor de aguantar con sabedoría as investidas dunha xuventude desbocada.
Juan Carlos, irmán de Nito exerceu coma o primeiro director de sala, que posteriormente foi substituído polo pequeno dos irmáns, Lorenzo Martínez “Loren”, que foi o alma mater do local moitos anos, tocándolle loitar as veces contra vento e marea. Baixando as escadas que daban a planta baixa, estaba o gardarroupas, atendido por Justo Rodríguez e familia. Dentro da sala, unha longa barra coa luz tenue, onde esperaban os elegantes camareiros “O Rubio” e “Valerio” coa axuda de Xosé Carlos Prieto, que con elegante atuendo, transmitiron experiencia e xenerosidade.
No local había cadeiras acolchadas e cómodos sofás, que coas mesiñas baixas ao redor dunha pista de baile circular no centro, axudaban a pasar momentos agradables. Nito, nunha manobra maxistral, contratou de pincha discos a Milucho, que era o líder dunha das pandillas máis numerosas e modernas da vila, ademais de ser un melómano entusiasmado coa musica moderna, que sempre estaba ao día de calquera novidade que puidera xurdir, para agregala a súa espectacular colección privada de vinilos, que sempre puxo sen reparos, a disposición da sesión musical que fixera falta. Tamén fixeron de disc jockey, a fermosa Rosiña, Donato Morán, Juan Jiménez (ex alcalde), Benito Ferro (notaria), Luís Alfonso “Pisco”, sendo tamén noutra etapa, Xosé Carlos Caneiro, Manel “o portugués” e “Juanjo” de Ourense os encargados de amenizar.
Foi aquí, onde ademais de bailar e namorar varias xeracións da nosa vila, tamén houbo actuacións importantes que non pasaron por alto, e que gravadas quedaron na memoria. John Balan o incrible home orquestra, Antonio Molina, xa na súa decadencia, Los Suaves, o grupo Antoxo de Verín e a sonada banda portuguesa “Ja-fumega”, cando eran aínda descoñecidos. Co tempo, a incansable actividade de Nito, levouno a versionar a discoteca Niton´s en outros lugares, como a do parque San Lázaro en Ourense, e a de Zamora, que xamais tiveron a repercusión que tivo a de Verín, aínda estando estas en capitais de provincia. En Verín a Niton´s abría todos os días con sesións de tarde e noite, refuxio dos derradeiros fokis das madrugadas verinesas. Agora que o tempo liscou lixeiro, pecha os ollos por un intre, e viaxa cara aquela fermosa época. Pantalóns acampanados e camisas estampadas, cazadora axustada de coiro marrón e no pescozo un pano atado con glamour. De súpeto soa “Daddy cool” de Boney M. a todo volume. No centro da pista o mesmo heroe de cada tarde-noite, o primeiro en saír a bailar en solitario, melena ao vento, escachando o xeo sen complexos. Era, Francisco Fernández Rodríguez, coñecido na vila como “O Flariz”.
Despois saían todos a bailar e desfrutar. Non faltaban a visita dos foráneos que estaban a traballar nas obras dos accesos a Galicia, así coma os temidos pandilleiros de Ourense, que de vez en cando, colábanse ameazantes con intención de medirse cos indomables Maxi Chita, Xamel, Cacharelo, Quin e Manolo, quedando patente o noso particular carácter raioto. Lembranzas que me quedan de neno, cando andaba por alí, mesturado coa multitude. Cada domingo, protexido pola escuridade, meu reto era entrar sen que me viran, e chegar o máis lonxe posible. A meta estaba no reservado do fondo da sala. Xamais puiden saciar a curiosidade daquel neno traveso, porque a miúdo, facíaseme longo o camiño, e algún sorprendido, collíame pola man e subíame ao exterior. Sempre quixen ser coma eles, coma os da xeración Límite. Despois, na miña época de adolescente, tamén gocei moito da imperiosa Niton´s, do seu ambiente maxestoso e xuvenil, onde cicais descubrín os efectos do amor por primeira vez, como a gran parte dos que, en algunha ocasión, por alí pasamos. Adicado a Arsenio Martínez “Nito” entroideiro de Xinzo da Limia.
Miguel A. Prieto “Chitín”