Desde a Ponte a… Monterrei!
Pasaron as Candelas e o san Blas. As comadres afinan disfraces para lucir na noite das noites. Pero unhas horas antes, deixarán todo no aire, para adicarlle un anaco de tempo en corpo e alma aos pequenos da casa, os que nos van emocionar, cando sublimes desfilen pola vila coa ilusión desorbitada. Só unha fila de cigarróns en áxil e ordenada acción, son quen de estremecerme no entroido. Pero cando vexo estes cativos en procesión entroideira, entón a historia é outra, e hai que contala.
O calofrío baixará polas entrañas, e irremediablemente, outra vez as bágoas mollarán os nosos ollos. Os nenos levan o entroido no sangue, só con mirarlle a faciana xa reflicten a ledicia e a algarabía que levan dentro. Estes pequenos son o combustible da nosa festa. Sen eles, todo isto non tería sentido e o entroido estaría marcado con data de caducidade. É fermoso velos. Cada grupo, cada cole, mostran un traballo máxico.
Atónitos, e sen verbas, quedamos ao pé das beirarrúas ollando o estilo de aquí, o arte entroideiro máis enxebre, dos xeniais intérpretes da parodia que en pouco tempo voarán sós polas rúas do barrio vello facendo entroido. As avoas coserán na madrugada, os derradeiros fíos de cariño e amor. Os mestres e mestras, palpitarán sen tregua, imaxinando o desfile perfecto, e recibirán o agasallo polo esforzo extraordinario de meses. O traballo invisible está no maxín. Apreciase ben pronto a simbiose da catarse colectiva dun grupo traballado con esmero. Os nenos e nenas de Verín, xa nacen co virus do entroido, ese virus que non ten antídoto, porque ninguén quere curar. Todos queren o entroido, e xa dende o berce, mamarán a vitamina que os levará tocar o ceo. Escribo estas letras para eles, para os cativos do meu pobo.
De súpeto, o son dunha mensaxe no meu aparello telefónico, deten a escritura por un intre, e ao lelo, a noticia tira por terra o final desta historia. A metereoloxía prevista para o xoves de comadres, deixa tormentas e mal tempo na vila. Todo se paraliza, as iluisions desfaranse en segundos. O traballo de meses queda no aire, e a mala nova de suspender o desfile, faise eco nos corrillos dos colexios e centros educativos. Non pasa nada. De seguro que os hiperactivos mestres e mestras inventarán o plan B.
Agora, só queda esperar. Se por mal tempo o desfile non puidera saír a rúa, non deberían afloxar os ánimos destes rapaces emprendedores que por moito que o sol se agoche, brillarán de igual modo, en calquer recuncho, coma sempre o fixeron.
Un ano máis, darlle os parabéns as persoas que se implican nesta fermosa iniciativa do desfile dos nenos. Aínda que ás veces, os contratempos non son doados de superar, aquí neste val de velentes, outra vez amosaremos, que en temas de entroido nunca xamais incaremos o xeonllo co cartel da rendición. Ánimo a todos. E se chove… que chova!
Viva o entroido de Verín!
Miguel A. Prieto “Chitín”