Desde a Ponte… a Monterrei
Querido amigo, estes días, vin unha foto fermosa nas Redes Sociais. Alí estabas ti, ao pé dun caldeiro de polbo na recén estreada “Peixería”, na praza Maior de Verín. Tardei pouco en agochala no meu arquivo particular, para poder ollala con tranquilidade. A lupa do ordenador, acercou a túa faciana de home honesto aos meus ollos, que confeso, mírante con admiración. Hoxe, nesta madrugada axitada, onde os pensamentos remexen a miña conciencia, non podo durmir, e para buscar acougo, escribo esta carta para ti. Agora, estamos fronte a fronte, como naquelas longas noites de entroido.
Daquela, os covardes íamos en grupo, coma leóns enfurecidos. A diversión e a xolda, consistía na catarse colectiva e na transformación paulatina de persoa a besta humana imparable, convertendo aquela estraña simbioses, no preludio dunha loita sen precedentes. Sinto vergoña. Non é doado manter a mirada ante un valente, porque son miradas cristalinas, como a túa. Unha mirada sincera e acolledora, con pegadas profundas que reflicten infinito sufrimento. De súpeto, a película de antano, comenza a rondar polo meu maxín. Teño angustia. Era un sábado máis daqueles entroidos salvaxes de finais dos oitenta e principios dos noventa en Verín. O refuxio das bestas estaba reservado con días de antelación no teu restaurante.
“O salón ateigado de xente chegada de todas partes. A función ancestral da cea do entroido quentaba motores a base de viño tinto a granel, mesturado con gaseosas do Sapa. O menú era o de menos. Os covardes, afiabamos os dentes da ingratitude, e inconscientes, apurabamos embravecidos as hostilidades. E o valente, que eras ti, deambulas en solitario polos corredores, coa cachola gacha, entre cadeiras e mesas, oprimido no teu labirinto máis amargo. Os proxectís, ían dun lado cara outro sen cesar, e as explosións concertadas con intencionado retardo, debuxaban o escenario máis dantesco”.
Non é preciso seguir detallando aquel triste acontecer, por que todos aqueles canallas, témolo na memoria. Hoxe, mentres escribo, as bágoas escorregan polas meixelas do arrepentimento, aínda que xa non se poida trocar nada do acontecido. Quédanos a tranquilidade, de saber que aqueles covardes, cumprimos a penitencia.
Que sería de nós sen ti, amigo raro, que nos amabas e odiabas ao mesmo tempo. Como os amores descontrolados, nados na simbiose dunha noite entroideira, somerxida nas profundidades dun odio feroz pero pasaxeiro. Dúas horas de miradas desafiantes e clandestinas, insultos prolongados no meu ouvido. A pesares de todo, sentíame tranquilo, porque sabía da túa máxica bondade, que facía que non me estremecera o máis mínimo, ante aquel fermoso e inigualable temperamento tan especial.
Sei a boa fe, que fun o epicentro das túas iras. Que por un intre quixeches maldicirme e aniquilarme. Agora nesta carta, por unha vez quero ser valente coma ti, e confesar, que sempre carguei coa culpa, esa culpa que asumín sempre con deportividade e orgullo, porque cando me agarrabas polo pescozo, estabamos pegados cara a cara, coma estamos agora mesmo, coa foto no ordenador, sentíndome daquela, protagonista da sen razón.
Xa dicía o meu pai, amigo teu daquelas noites perpetuas de verbena e pasodobre en calquera aldea da comarca, que eras posuidor dun corazón enorme, tan grande como o castelo de Monterrei, e que tiñas a virtude máis difícil de exercer, perdoar sen reparos, sen mirar o que, e a quen.
Hai uns anos, naquel pregón de entroido, que me tocou recitar na fermosa praza Maior, (onde se deben dar os pregóns), dixen o que sentía, e volvo a dicilo aquí agora, nestas letras de amizade. En nome da miña xeración entroideira, e de todos aqueles covardes redimidos, pedímosche, perdón e gracias ao mesmo tempo, por ser vostede como é, un amigo dos amigos, e unha persoa extraordinaria.
Querido Carlos Vázquez Carrera “Calinga”, non vai ser doado esquecerte, polo que pido o meu deus particular, que a providencia te bendiga, e que nos permita seguir xuntándonos e queréndonos, un montón de anos máis. Unha aperta grande para ti, cabaleiro da amizade, e bicos enormes cara o ceo para os ben queridos e lembrados, Carlos e Lucita.
Miguel A. Prieto “Chitín”