Entrevista a José Manuel Díaz Barreiros, director da Xestoría – Asesoría Marcelino Díaz.
Aínda que actualmente é opcional, a Lei Crea e Crece 18/2022 (en vigor desde 19/10/2022) expón implementar a factura electrónica para todas as empresas e autónomos nas súas relacións comerciais a partir do 2025. En 2014, a Unión Europea impulsou a implementación da factura electrónica nos seus estados membros e en 2019 estableceu un formato común obrigatorio nas relacións B2G (negocios coa Administración) europeas.
Desde entón, a dixitalización na facturación foi gañando terreo e xa son moitos os países nos que as facturas electrónicas son obrigatorias nos intercambios comerciais co sector público. En España, a factura electrónica pasou a ser obrigatoria en xaneiro de 2015 para todos aqueles provedores da Administración pública cuxas facturas superen os 5.000 euros.
Como consecuencia, todas as empresas que teñen relacións comerciais coas Administracións públicas tiveron que adaptarse ao novo modelo e enviar as súas facturas a través dun formato estruturado coñecido como Facturae.
Para coñecer un pouco máis sobre a factura electrónica falamos con José Manuel Díaz Barreiros, director da Xestoría – Asesoría Marcelino Díaz, empresa que leva 68 anos asesorando a empresas e particulares ourensáns.
Que é a facturación electrónica?
José M. Díaz Barreiros (JMDB): «A facturación electrónica non é máis que a dixitalización das facturas que as empresas ou traballadores autónomos remiten para cobrar os produtos ou servizos prestados. Deste xeito, unha factura electrónica, igual que a de papel, serve para xustificar certas operacións comerciais ou financeiras. Unha factura electrónica é unha factura en formato electrónico».
En 2025 será obrigatoria, o será tanto para empresas e Pemes como para autónomos?
JMDB: «Si será obrigatoria para Pemes e Autónomos nas súas relacións comerciais. Non afecta á relación con particulares».
Que pasa a quen non se adapte na data límite?
JMDB: «Se un provedor non emite unha factura electrónica cando é obrigatorio, podería enfrontarse a sancións legais e administrativas, como multas, penalidades, ou mesmo a suspensión das súas actividades comerciais. É importante cumprir coas regulacións fiscais e legais correspondentes para evitar consecuencias negativas».
É obrigatorio incluír Código QR?
JMDB: «Hai dous modelos de factura electrónica, estruturada e non estruturada. Dependendo da que se utilice por cada empresa levará código QR ou outro sistema para o seu procesamiento e xestión».
Que se necesita para poder expedir facturas electrónicas?
JMDB: «Necesítase un programa informático de facturación electrónica homologado pola normativa de Facenda».
Empresas e autónomos, en que se benefician coa facturación electrónica?
JMDB: «Os beneficios económicos derivados da automatización do proceso da factura superan aos aforros en impresión e envío postal. Por iso, o máximo beneficio potencial realízase mediante o emprego de facturas electrónicas con formato estruturado».
Que é o que deben facer as empresas e autónomos para adaptarse?
JMDB: «Desde a nosa Xestoría/Asesoría (Marcelino Díaz) estamos a informar desde hai meses aos nosos clientes desta facturación electrónica con vigor a partir de 2025. Aconsellámoslles que contacten cos seus asesores informáticos/dixitalizadores para estar ao día neste tema e que «non lles pille o touro por sorpresa» por ser de obrigado cumprimento. Ademais existen axudas económicas para a dixitalización».
Axudas como o «Kit Dixital»?
JMDB: «O «Kit Dixital» actualmente está vixente, até 31 de decembro de 2024. As axudas do Goberno a través do Kit Dixital para a dixitalización das Pemes e Autónomos con cargo aos Fondos Europeos Next Generation, dependendo do número de traballadores as empresas poden recibir axudas desde 2.000 até 12.000 euros».
Desde a Xestoría – Asesoría Marcelino Díaz que consello daríades para eses autónomos e Pymes que aínda non se puxeron ao día coa facturación electrónica?
JMDB: «Aconsello que contacten con Asesores Dixitalizadores Oficiais para solicitar este tipo de axudas e asesorarse, ao mesmo tempo, en facturación electrónica».