A praza Maior acollerá tamén o 1 de maio unha Feira Solidaria que contará coa participación de entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Este mércores, 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maio, cun total de 10 esculturas efémeras. Este ano, a praza García Barbón acollerá tamén unha nova edición da Feira Solidaria que contará coa participación de entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Festa dos Maios
Desde as 10:30 horas, e até as 20:00 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polo CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, que presentará ademais do maio do centro un maio infantil; CRA Monterrei, con maio do centro e maio infantil; Colexio Plurilingüe María Inmaculada; IES Xesús Taboada Chivite; Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinense de Amigos da Música, ANPA do Conservatorio de Música de Verín e Centro de Día Solleira.
Ás 11:00 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín realizará un pasarrúas desde praza do Concello ata a Alameda. Posteriormente, ás 11:30 horas, a Banda de Música do Concello de Verín fará outro pasarrúas que partirá desde a Praza do Rei. Ambas agrupacións musicais rematarán na Alameda ás 12:00 horas, dando paso ao un concerto conxunto.
Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento do programa de atención ás necesidades da infancia na Franxa de Gaza que promove Save The Children.
A copla que editará o Concello de Verín contará coa colaboración de once centros de ensino, asociacións e institucións que desenvolven as súas actividades no municipio de Verín ou en concellos da comarca. Os colexios e institutos que se adheriron á convocatoria foron o CEIP Princesa de España, o CEIP Plurilingüe Amaro Refojo, o CRA Monterrei, o Colexio Apostólico Mercedario, o Colexio Plurilingüe María Inmaculada e o IES Xesús Taboada Chivite. Do tecido asociativo, os colaboradores serán a Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, a Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, a Asociación Verinense de Amigos da Música e a ANPA do Conservatorio de Música de Verín. O Centro de Día Solleira participa tamén nesta edición a favor de Save The Children.
A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gómez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.
Feira Solidaria
A Praza Maior acollerá tamén o vindeiro luns 1 de maio unha nova edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará coa participación de entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse: recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen e conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores. A Feira Solidaria abrirá ao público a partir das 10:00 horas.