Entrevista ao cantautor Manoele de Felisa.
Falamos co cantautor Manoele de Felisa que este venres, 3 de maio, actúa na Sociedade Cultural Albor (barrio do Couto), nun concerto no que estará acompañado de Olga Novóa, Fina Cruz e Marina Sánchez. De Felisa é un artista intimista que ten levado a música galega máis aló das nosas fronteiras, chegando a Alemaña, Liechtenstein ou Suiza, ademais doutras comunidades autónomas.
Este mes actúas na Sociedade Albor, que concerto atopará o que acuda a escoitarte?
Manoele de Felisa: «Si, así é. Estou moi ledo de voltar a Ourense para cantarlle a Galicia como sempre fago nos meus concertos e de facelo esta vez na sociedade Albor que son unha xente moi comprometida dende fai moitos anos coa cultura da nosa terra e cos artistas.
Tratarei coma sempre de que quen veña ó meu concertó o 3 de maio disfrute da esencia galega que levan as miñas cancións, que se sumerxan no mundo e na paisaxe que abroullan de moitos poemas e letras que recitaremos, e que se pode ser cando remate, o público marche querendo un pouquiño máis se cabe a Galicia e ó noso idioma. Ademáis ese día non actuarei so, senon que me acompañarán tres grandes poetas da terra, Olga Novóa, Fina Cruz e Marina Sánchez colaboradoras tamén da revista Nós xente do redor».
Como definirías a túa música?
M.F.: «Pois definirse a un mesmo nunca é tarefa doada, primeiro está o que un trata de transmitir e despois o que se transmite, pero creo que nas miñas cancións e interpretacións prevalece o intimismo, un pouso existencial, e o que si trato sempre é de que as melodías arranxos e interpretacións que fago cheguen tocar o sentir do público, que dalgunha maneira poida tocar coa música as almas que buscan disfrutar dun anaco de paz con sonoridade galega».
Atópaste cómodo na musicalización de poemas?
M.F.: «Si, é cómodo para min, ou pois por ampliar e dicilo doutro xeito, é habitual para min facelo, pois dende toda a miña vida musicalicei poesía galega e é algo que me gusta, tanto o proceso de sumerxirte nos versos e nos sentimentos da persoa que os creou como despois darlle a túa interpretación e que poida dalgunha maneira non perder a esencia do que o poema en si quere transmitir e do que eu son capaz de transmitir cantándoo».
Ademais de en concertos tamén actúas en actos tipo homenaxe ou entrega de premios. Son un bo escenario para achegarse e darse a coñecer a outro tipo de público?
M.F.: «Sempre considero que é bo actuar, e para os que facemos música “pouco comercial” máis, e os cantautores creo que debemos aproveitar calquer evento cultural onde nos coviden para cantar e proxectarnos pois precisamente neste tipo de eventos confluimos moitas persoas con sensibilidades semellantes e é unha oportunidade sempre de facer patria e ir ampliando a familia de amantes da música galega».
E formas parte dun grupo de música popular con outros músicos de reconocido prestixio, falanos algo deste traballo colectivo?
M.F.: «Ben, dende fai moitos anos compaxino a miña carreira de cantautor coa de músico e membro de outras formacións de música galega como ten sido Limón ou Aroda, agora mesmo sÓ teño tempo para a miña banda que me acompaña cando facemos formato “Manoele de Felisa grupo” e igual me preguntas máis pola recente creación do grupo de música tradicional “Cantos da terra” que formamos hai uns anos e que nos divirte moito esa faceta enxebre da nosa música galega máis ligada ás voces e ós cantos de taberna. Neste grupo son un membro máis xunto con Carlos Charlín, Juan Mariño, Samuel Soto e Manolo Dopico».
Sabemos que tamén es colaborador do Movemento Cultural Nós a Xente do Redor, sénteste moi identificado coa literatura actual na nosa lingua?
M.F.: «Si, como che dixen nesa confluencia de amantes da poesía galega pois vaste atopando no camiño con xentes que tamén están vinculadas á poesía e á cultura da terra e en “Xente do redor” teño moita xente querida».
En Galicia ter moitas actuacións pero tamén fóra da comunidade. Que tal é recibida a música galega, e máis en concreto a túa música, máis aló do Padornelo?
M.F.: «Ben, o feito de cantar só en galego no meu caso limítoume sempre un pouco á hora de de cantar en ambientes ou eventos que non tivesen que ver co idioma noso, pero si che podo dicir que cando teño viaxado fóra de Galicia ou fóra de España en centros de comunidades galegas no estranxeiro a acollida é sempre como tocar na casa pero coa sensación especial de atoparte en Suiza, Liechtenstein ou Alemaña. E escoitar falar con máis garbo o noso idioma».
Tes editado varios discos con diferentes colaboracións tipo o Cancioneiro no Camiño, que nos podes decir ao respecto?
M.F.: «Si teño editado varios discos, agora xa ando creo que polo número 9, e no “cancioneiro do camiño” ou en “Cantos de Lembranza” por exemplo, pois teño feito fermosas colaboracións con outros artistas como María do Ceo, Luis Emilio Batallán, Uxía Blanco, Ûxía Senlle etc., sempre considerei de agradecer que quen teño admirado, xente importante da historia da música galega me brinde o agasaio de cantarmos xuntos. É para min un privilexio».