Este ano están adicadas a Luísa Villalta.
Cada ano por estas datas, a provincia énchese de iniciativas culturais para celebrar o «Día das Letras Galegas», conmemoración que ten lugar o 17 de maio, en recoñecemento dos grandes escritores da literatura galega.
Neste 2024, o pleno da Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas á poeta e ensaísta Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), en conmemoración do vixésimo aniversario do seu pasamento e pola súa contribución á literatura galega e ao seu legado cultural. Recoñecida como unha das grandes figuras da literatura galega dos anos 80 e 90, Villalta destacou pola súa obra sólida e singular que abordaba temáticas contemporáneas con paixón e rigor. A autora, lembrada principalmente pola súa poesía, tamén destacou noutras disciplinas como o teatro, a narrativa e a tradución, entre outros; deixando unha marca significativa no panorama cultural galego.
Xinzo
En Xinzo, comezan as actividades este mércores, 15 de maio, e terán lugar na praza Maior. Ás 11.00 horas inícianse as actividades da man do alumnado do IES Lagoa de Antela que darán a coñecer a vida e o obra da homenaxeada deste ano: Luísa Villalta. Tamén se fará un recitado de poesía, a TV das Letras e mostratanse imaxes xigantes da autora homenaxeada nestas Letras Galegas 2024.
O venres 17, a partir das 12.30 horas, na praza Maior entregaranse os premios da 6ª edición do concurso de debuxos («Toribio revoluciona o tráfico») e Portada («Unha Cuberta para Luísa Villalta») Carlos Casares para escolares; amenizarase o acto coa música en vivo dun cuarteto tradicional da Escola de Gaitas e Percusión de Xinzo.
Para ás 13 horas, a escritoria Sabela A. Veloso fará unha lectura de poemas de Villalta. E xa pola tarde (18:30 horas), na mesma ubicación, celebrarase o concerto das Letras Galegas no que participarán a Agrupación Musical da Limia e a Coral Santa Mariña.
Como complemento a estas actividades, o propio día 17, no posto da praza Maior ou nas diferentes librarías adheridas, farase un desconto dun 20% na venda de libros en galego.
Allariz
A través das áreas de Cultura e Mocidade, o Concello de Allariz celebra o Día das Letras Galegas cunha viariada programación cultural que terán lugar os días 16 e 17 de maio (xoves e venres).
O xoves 16 de maio, ás 20:30 horas, celebrarase os “Cantos de Taberna” por Allariz. A actividade dará comeza coa presentación na praza Maior, para proseguir cos cantos na Tenda do Pepiño e no o Bule Bule e finalizar na praza de Abaixo. Ao rematar dende a Concellaría de Mocidade organízase un concerto cos grupos galegos Ukestra do Medio e o grupo Bule. Esta actuación, que se levará a cabo na praza Maior a partir das 22:00h, ofrecerá unha oportunidade única para desfrutar da música xove e da creatividade destes talentosos grupos.
O venres 17 de maio comezarán as actividades concerto da Banda Unión Musical de Allariz, que terá lugar ás 12:30 horas na Alameda de Allariz.
Pola tarde, a partir das 19:00h. na praza de Abaixo o artista Nelson Quinteiro presentará o seu espectáculo “Barullo!”, unha proposta que fusiona música, humor e tradición galega dunha maneira única e emocionante para os e as máis cativas.
Roteiro
Aproveitando que este ano as Letras Galegas se lle adican a unha muller o sábado, 18 de maio, tamén haberá o Roteiro Temático – Mulleres de Allariz: Un percorrido pola historia de Allariz a través das mulleres que deixaron a súa pegada en diferentes ámbitos, destacando a súa fortaleza, sabedoría e loita polos seus ideais, unha visión diferente e enriquecedora da historia local.
Todas estas actividades son parte da celebración do Día das Letras Galegas, unha xornada dedicada a homenaxear a lingua e a cultura galegas, así como a destacar a importancia dos escritores e poetas que contribuíron ao enriquecemento do patrimonio literario de Galicia.
Verín
O mércores 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar Salón de Actos da Casa da Cultura a presentación do libro: “Os apelidos do Concello de Verín” de Suso Lantes. Esta obra recolle o estudo filolóxico de máis de 1.000 apelidos, basicamente do Concello de Verín e da comarca de Monterrei. Pretende aportar algunha ‘luz’ sobre a nosa historia persoal, familiar e social. O devir histórico dos apelidos é a historia dos nosos antepasados. Nome e apelidos son aspectos importantes do noso “currículum”: confórmannos e infórmannos do que fomos e do que somos. Aspectos moi valiosos da nosa cultura.
O xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, actuará no Auditorio Municipal de Verín a Banda de Música de Xinzo. Posteriormente, ás 20:30 horas, terá lugar a inauguración oficial na Sala de Exposicións a mostra “sóloEdades”, do artista verinés Fernando Barreira. Este proxecto multidisciplinar, que estará aberto ao público ata o 16 de xuño, conmemora os 44 anos de produción plástica do polifacético artista verinés.
Xa o propio Día das Letras Galegas (venres 17 de maio) a praza García Barbón acollerá, ás 12:30 horas, unha actuación de danza urbana contemporánea inspirada na obra de Xela Arias, Premio das Letras Galegas 2021. «Intempestiva», interpretada e dirixida por Sabela Domínguez e Julia Laport (Elahood), é unha expresión en movemento da fervenza creativa das novas xeracións. Gañadora do Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid (2021) e do Premio ao Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021), esta obra ofrécenos a una excelente oportunidade para reflexionar sobre a importancia da arte e a identidade en tempos cambiantes.
O sábado, 18 de maio, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín será o escenario da representación do espectáculo “Made In Galiza”, de Sarabela Teatro. Unha obra de Sechu Sende (Padrón, 1972) que abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com, por cinco euros.
Por último, domingo 19 de maio, ás 11:30 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín a tradicional Gala Músico – Literaria das Letras Galegas. Na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos galardoados no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez. O Conservatorio Profesional de Verín será o encargado de poñer o broche musical a este evento.
Barbadás
A 3ª edición da Foliada Letras Galegas é o que ten preparado o Concello de Barbadás para esta conmemoración. A programación desta xornada terán lugar no parque dos Carrís (a carón do Polideportivo municipal) o venres, 17 de maio, e contará con varios postos de productos artesanais, ademais de xogos e obradoiros lúdicos para os máis cativos.
Ás 13 horas darán comezo as actuacións da Banda Cultural de Barbadás e Nova Fronteira, para, deseguido (14h iniciarse a sesión vermú como antesala do xantar popular (previsto para as 14.30 horas). Todo o que queira participar poderá mercar os tiques de compra en Fonval (rúa do Ensino, 11 -A Valenzá-); o prezo é de 20 euros para adultos e de 10 euros para os máis cativos. O menú estará composto de empanada, churrasco mixto con patacas fritas, criollo, ensalada, postre, bebidas, café e licores.
Para amenizar a tarde, ás 16.30 horas celebraranse xogos populares e obradoiros de pulseiras de coiro. Ás cinco da tarde «Zoadeira» e «As lambisqueitas» traerán a súa música tradicional. Para as seis tarde un obradoiro tentará ensinar baile tradicional o todo o que se queira apuntar.
As actividades rematarán coa actuación da charanga BBB e a gran queimada a partir das 18.30 horas.
Ademais, durante todo o mes e conmemorando as Letras Galegas realizarase as “Contadas no Parque” para rapaces de 4 a 8 anos. Unha actividades que se celebrará todos os xoves do mes de maio no parque da Casa da Cultura. As prazas son limitadas, por orde preferente de inscrición.
Este xoves toca “A xanela do maxín” coa narración “Lúa quere viaxar a Marte”, ás 18.30h. O día 23 chega “Caxoto” coa narración “Grandes éxitos 2004-2024” ás 18.30 horas. E rematarán estas xornadas o día 30 ás 12 horas con Talía Teatro coa narración “Rosa caramelo e outras historias”, para os alumnos dos colexios.